Lugo rende tributo ao primeiro lucense gañador dunha medalla de ouro olímpica, Isaac Toro

“Todo esforzo e superación ten o seu premio, e Toro con esta medalla de ouro acábao de conseguir”, asegurou a Alcaldesa, quen subliñou que esta medalla é ademais un recoñecemento aos valores que conleva o deporte

Xoves, 25 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo rende tributo ao primeiro lucense gañador dunha medalla de ouro olímpica, Isaac Toro

O Concello de Lugo recibiu este xoves a un visitante de elite, o medallista olímpico Cristian Isaac Toro, a quen a Alcaldesa, Lara Méndez, e a Corporación municipal, en nome do pobo lucense, lle renderon tributo polo seu triunfo nos Xogos Olímpicos de Río na competición K2-200 xunto a Saúl Caraviotto, proba na que acadou o primeiro posto. A Alcaldesa presidiu o acto, no que estiveron presentes o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o presidente e vicepresidente do Club Fluvial, Tito Valledor e Luis Ramos Misioné, e o técnico de piragüismo deste club, José Antonio Fernández “Mus”, así como a nai e o irmán de  Toro, o primeiro lucense gañador dunha medalla de ouro olímpica.

O pasado 25 de maio, cando Toro visitou o Concello tras acadar a Copa do Mundo, a Alcaldesa pediulle ao padexeiro do Club Fluvial que volvera dos Xogos de Río cunha medalla de ouro, pois o Concello estaría coas portas abertas para recibilo. E así o fixo. Esta mañá Isaac Toro, arroupado polo calor e a admiración de máis dunha trintena de persoas, achegouse á Casa Consistorial para compartir con Lugo o seu éxito en Río.

Durante o acto, a Alcaldesa subliñou o vínculo con Lugo dende hai 12 anos do deportista, quen con 16 anos xa competía a nivel internacional coa selección española júnior, proclamándose campioa de Europa; ao tempo que poñía en valor a traxectoria deportiva de Toro. “Todo esforzo e superación ten o seu premio, e Toro con esta medalla de ouro acábao de conseguir”, asegurou Méndez, quen subliñou que esta medalla é un recoñecemento aos valores que conleva o deporte, como o compañeirismo ou o espírito de superación, valores que transmite á perfección Isaac, así como á importancia do deporte de base.

Lara Méndez destacou tamén os fortes lazos de Lugo co piragüismo. Nesta liña lembrou cando no ano 1976, Misioné, quen estaba presente no acto, levou o nome da cidade por todo o alto estreando o medalleiro olímpico no piragüismo español en Montreal, así como a medalla de prata conseguida en Moscú en 1980.  “Toro colle agora o relevo de Misioné e o fito do piragüismo lucense continúa”, asegurou a Alcaldesa.

“Non só é triunfador o que gaña senón o que loita”
Pola súa banda Toro amosouse moi feliz e orgulloso por esta medalla e fixo fincapé nos valores do deporte, “que me ensinaron que non só é triunfador o que gaña senón o que loita”. Nesta liña, o deportista, quen confirmou que intenta aprender de todos os que o rodean, animou a todos os presentes a crer nas súas propias metas. Isaac Toro, quen estaba sorprendido do apoio recibindo dende a chegada de Brasil e agradecido ao Concello pola recepción, compartiu a súa medalla e fixo partícipe do éxito a toda a cidade de Lugo dende o balcón do Consistorio.

Multimedia

  • Lugo rende tributo ao primeiro lucense gañador dunha medalla de ouro olímpica, Isaac Toro

Noticias relacionadas