Lugo reivindica xustiza polo asasinato de Marielle Franco, activista polos dereitos humanos e concelleira de Río de Xaneiro asasinada

A Alcaldesa entregou á súa nai, Marinete da Silva, a Declaración Institucional que aprobou por unanimidade a Corporación, na que esixe unha investigación rigorosa para dar cos autores materiais e intelectuais do crime dunha muller asasinada “por defender os dereitos e liberdades”

“Miramos cara Brasil e vemos como Bolsonaro chega ao poder. Debemos paliar calquera sinal de entrada de partidos de ultradereita e de discursos xenófobos, homófobos e antifeministas”, subliñou Lara Méndez

Martes, 11 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindica xustiza polo asasinato de Marielle Franco, activista polos dereitos humanos e concelleira de Río de Xaneiro asasinada

A Alcaldesa, Lara Méndez, presidiu este martes no Salón de Plenos a recepción ofrecida pola Corporación municipal a Marinete da Silva, a nai de Marielle Franco, activista polos dereitos humanos e concelleira de Río de Xaneiro asasinada o pasado 14 de marzo a tiros xunto co seu chofer, Anderson Pedro Gomes. No acto, ao que asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a investigadora de Amnistía Internacional Brasil, Renata Neder, membros desta organización en Lugo, Belén Regueiro e Carlos Rodríguez, e representantes de todos os grupos políticos municipais, a rexedora entregoulle a Mariete da Silva a Declaración Institucional que aprobou por unanimidade a Corporación no último Pleno, celebrado o 29 de novembro, na que expresa as condolencias e solidariedade coa familia e amizades de Marielle Franco, e reivindica xustiza polo seu asasinato, pois case dez meses despois, aínda non se produciu unha investigación rigorosa para dar cos autores materiais e intelectuais do crime.

Lara Méndez puxo en valor a figura e o labor de Marielle Franco, asasinada “por defender os dereitos e liberdades, por loitar contra a homofobia, o racismo, a pobreza e a misoxinia”. A Alcaldesa subliñou que Lugo “súmase á loita de Marielle por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Como dicía ela, poden matar unha, dúas, tres flores, pero xamais poderán deter a primavera”. Neste senso, engadiu que súa figura e o que representa cobra especial significado coa chegada de Bolsonaro ao poder en Brasil: “debemos intentar paliar en calquera lugar toda sinal de entrada de partidos de ultradereita e de discursos xenófobos, homófobos e antifeministas”.

A nai de Marielle Franco está na cidade lucense no marco dunha viaxe a España xunto a Renata Neder, investigadora de Amnistía Internacional Brasil, durante a que serán recibidas no Ministerio de Asuntos Exteriores, a Comisión do Senado para Iberoamérica e o Concello de Madrid, entre outras institucións.

Noticias relacionadas