Lugo reivindica a igualdade de dereitos dentro da diversidade no Día do Orgullo Gai

Durante toda a xornada a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, en resposta á petición realizada por este colectivo

Martes, 28 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reivindica a igualdade de dereitos dentro da diversidade no Día do Orgullo Gai

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, acompañada por membros da Corporación Municipal, asistiron este martes á lectura do manifesto polo Día Internacional do Orgullo LGTBI na Praza Maior. O manifesto foi lido polo presidente da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS), Marcos Fernández.

O manifesto incidiu na importancia de seguir traballando pola igualdade real, e por unha sociedade libre de discriminacións ou exclusións pola orientación sexual e a identidade de xénero. Tamén fixo fincapé na necesidade de construír unha sociedade inclusiva e libre, onde a educación xoga un papel fundamental para promover o respecto ás diferentes orientacións sexuais.

Ademais, demandáronse leis pola igualdade real, porque a pesares de estar recoñecida a igualdade formal, aínda queda moito camiño por recorrer para alcanzar a igualdade efectiva.

Bandeira LGTBI
Durante toda a xornada, a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, en resposta á petición realizada por este colectivo, tal e como manifestaron, ante a necesidade da visibilización debido ao recente aumento dos actos homofóbicos.

Noticias relacionadas