Lugo reforza a seguridade cidadá para garantir o bo desenvolvemento do Arde Lvcvs 2025

A Xunta Local de Seguridade acordou esta mañá un operativo con reforzos da Policía Local, Nacional, Garda Civil e Bombeiros para garantir a seguridade durante as festas.

Controlarase o acceso á cidade, realizaranse probas de alcoholemia e drogas dentro do casco urbano e cubriranse os actos máis multitudinarios con presenza policial reforzada.

Miguel Fernández destacou a coordinación entre corpos de seguridade como clave para celebrar o Arde Lvcvs con garantías e sen incidencias.

Mércores, 04 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo reforza a seguridade cidadá para garantir o bo desenvolvemento do Arde Lvcvs 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron esta mañá a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do Arde Lvcvs, na que se abordou o deseño dos dispositivos de vixilancia que se desenvolverán na capital entre o 12 e o 15 de xuño durante a festa de recreación histórica.

A reunión, celebrada no Salón de Plenos da Casa Consistorial e na que tamén participou o edil de Xuventude, Jorge Bustos, serviu para perfilar o dispositivo especial de seguridade que mobilizará un importante número de efectivos dos distintos corpos, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento dos actos e a seguridade cidadá durante unha das citas culturais máis multitudinarias da cidade.

Así, a Policía Local de Lugo despregará unha media de 8 a 10 patrullas durante as tardes do xoves ao domingo, con reforzos específicos nas noites do venres e sábado, nas que se contará con 7 patrullas adicionais. A este operativo súmanse o equipo de mando, a atención á sala de comunicacións e o equipo de atestados, todos operativos de forma independente ás patrullas de seguridade cidadá. O domingo tamén se reforzarán os turnos de mañá e tarde con sete patrullas cada un.

Ademais, dende o Servizo de Bombeiros habilitaranse dúas dotacións formadas por 8 profesionais cuxa base para cubrir posibles incidencias estará situada na rúa Armanyá e na praza de Avilés. Pola súa parte, a Policía Nacional reforzará a súa presenza coa incorporación dun grupo da Unidade de Intervención Policial (UIP) desprazado desde A Coruña. A Garda Civil, establecerá controis nas principais entradas e saídas da cidade para contribuír á seguridade viaria, mentres que dentro do casco urbano realizaranse controis de alcoholemia e drogas.

O dispositivo cubrirá os principais eventos do programa, como o desfile de tropas, o asalto ao Monte Medulio, o circo romano ou o desfile infantil, entre outros, garantindo presenza policial permanente nos espazos de maior afluencia e risco.

Durante a sesión, o alcalde Miguel Fernández puxo en valor “a coordinación e o traballo conxunto entre todas as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencia, que son fundamentais para que o Arde Lvcvs se desenvolva coas máximas garantías e sen incidencias”. Fernández agradeceu tamén “a implicación e profesionalidade de todas as persoas que participan no dispositivo”.

Pola súa banda, Isabel Rodríguez asegurou a máxima colaboración do Goberno do Estado a través das súas forzas de seguridade, destacando o carácter cultural, social e turístico dun evento que volverá encher as rúas da cidade.

Multimedia

  • Lugo reforza a seguridade cidadá para garantir o bo desenvolvemento do Arde Lvcvs 2025

Noticias relacionadas