Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento poñendo o foco nos retos demográficos e na cohesión social como claves do futuro das cidades

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu a José Manuel Rey Varela no Concello para conmemorar o Día do Ferrol no marco das festas do San Froilán.

A rexedora lucense destacou o forte vínculo que une ás dúas cidades irmás: “As nosas cidades, malia vivir realidades distintas, comparten raíces, historia e un carácter loitador que define aos seus veciños e veciñas, que nunca se renden."

Sábado, 05 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento poñendo o foco nos retos demográficos e na cohesión social como claves do futuro das cidades

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, deu a benvida este sábado ao seu homólogo ferrolán, José Manuel Rey Varela, con motivo da celebración do Día do Ferrol, dentro dos festexos do San Froilán. O acto oficial tivo lugar na Casa Consistorial e contou coa presenza de membros de ambas corporacións municipais, así como veciños de Ferrol que se desprazaron ata Lugo para asistir á conmemoración.

Durante a recepción, Paula Alvarellos destacou a profunda irmandade que une a Lugo e Ferrol dende hai máis de dúas décadas, e fixo especial fincapé nos retos comúns que ambas cidades enfrontan hoxe en día. "As nosas cidades, malia vivir realidades distintas, comparten desafíos que debemos abordar xuntos, como o reto demográfico e a necesidade de atraer e reter poboación nova", subliñou Alvarellos.

Neste sentido, a rexedora lucense fixo mención ao feito histórico de que Lugo superara recentemente os 100.000 habitantes por primeira vez na súa historia, o que representa un punto de inflexión importante para a cidade. "Este crecemento non é só un motivo de orgullo, senón tamén unha responsabilidade, porque necesitamos seguir xerando oportunidades para que Lugo sexa un lugar atractivo onde vivir, traballar e desenvolver proxectos de vida", afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, amosou a súa ledicia por participar, un ano máis, neste acto conmemorativo dun irmandamento entre dúas cidades "vinculadas por moitos paralelismos na historia", engadindo que os fortes lazos entre Lugo e Ferrol "representan unha oportunidade para celebrar o que nos une e serven para afrontar xuntos os desafíos do futuro."

Así mesmo, mencionou a San Froilán para que "nos axude a seguir traballando na construción de pontes de entendemento e cooperación, porque estou convencido de que, a través da nosa unión entre pobos, poderemos deixar un legado en beneficio das xeracións que están por vir."

Alvarellos destacou as políticas que o Concello de Lugo está implementando para fomentar o emprego e o emprendemento, facendo referencia a iniciativas como o fondo Lugo Transforma e os viveiros de empresas do CEI Nodus e A Tinería. "Son ferramentas clave para impulsar a nosa economía e asegurar que o noso tecido empresarial sexa dinámico e sostible", engadiu.

Outro dos temas centrais da recepción foi a protección do patrimonio natural. A alcaldesa de Lugo puxo de relevo a importancia de preservar espazos tan valiosos como a ría de Ferrol, destacando o traballo que o goberno local ferrolán está a realizar para mellorar a súa calidade ambiental. "En Lugo temos a sorte de estar situados nunha reserva da biosfera, e iso lévanos a actuar con responsabilidade. En Ferrol, a preservación da súa contorna é un exemplo de como as nosas cidades están comprometidas coa sostibilidade e co coidado do noso patrimonio natural", sinalou.

Paula Alvarellos tamén quixo destacar o papel esencial que os concellos teñen á hora de facer fronte a estes desafíos, lembrando que moitas das competencias sociais, de muller e maiores que asumen as administracións locais son impropias e que lle corresponden ao Goberno autonómico, polo que insistiu na necesidade de mellorar a financiación local para poder atender estas demandas con garantías. "Os concellos somos a primeira porta á que chama a cidadanía, e necesitamos ter os recursos suficientes para seguir respondendo ás súas necesidades", afirmou.

Finalmente, a alcaldesa de Lugo aproveitou para reafirmar o compromiso de manter viva a irmandade entre Lugo e Ferrol, avanzando que o próximo ano, cando se cumpran os 25 anos do irmandamento, será unha oportunidade única para fortalecer aínda máis os lazos entre ambas cidades. "Esperamos con ilusión devolver a visita en xaneiro, no San Xiao, e celebrar conxuntamente esta efeméride que tanto significa para nós", concluíu.

Multimedia

  • Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento poñendo o foco nos retos demográficos e na cohesión social como claves do futuro das cidades
  • Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento poñendo o foco nos retos demográficos e na cohesión social como claves do futuro das cidades
  • Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento poñendo o foco nos retos demográficos e na cohesión social como claves do futuro das cidades

Noticias relacionadas