Lugo, destino gastronómico de calidade coas 34.000 tapas repartidas no XIII Concurso de Tapas

O gañador do certame, Mesón Colón, recolleu o seu premio de mans da Alcaldesa

"A cidade é lugar de destino, gastronomicamente falando, porque vós facedes que sexa un lugar distinto e único", asegurou Lara Méndez

Venres, 06 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, destino gastronómico de calidade coas 34.000 tapas repartidas no XIII Concurso de Tapas

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, entregaron este venres, no Auditorio do Vello Cárcere, os premios aos gañadores do XIII Concurso de Tapas de Lugo, no que participaron 40 locais do 1 ao 17 de setembro.

No transcurso do acto, a rexedora felicitou á APEHL "por creer e apostar por este tipo de iniciativa, que cada ano se supera". Así mesmo agredeceu o traballo dos hostaleiros, que xa é coñecido de maneira internacional co lema E para comer Lugo. "A cidade é lugar de destino, gastronomicamente falando, e a xente escolle a nosa cidade porque como en Lugo non se come en ningún sitio, porque vós facedes que sexa un lugar distinto e único", asegurou Méndez, quen fixo fincapé en seguir creando sinerxias, entre o sector da hostelería e restauración e o Concello, para impulsar máis a Lugo.

Nesta liña institiu Carmen Basadre, quen agradeceu a todos os establecementos hosteleiros o "traballo ben feito que realizan para poñer a Lugo en primeira liña gastronómica". Neste punto, lembrou o patrimonio co que conta o municipio, non só histórico e cultural, senón tamén gastronómico, aspectos que ano tras ano fan que mellore o turismo, un sector fundamental para a economía e desenvolvemento da cidade. Así mesmo, convidounos a seguir "con esa ilusión de manter a tradición do tapeo innovando".

Pola súa banda, Eduardo Vidal subliñou a importancia deste evento que fai que tanto Lugo cidade como Lugo provincia sexa coñecido pola súa gastronomía.

Cheché Real agradeceu o patrocinio do Concello a este concurso de tapas "que gozou de moi boa acollida, repartíndose 34.200 tapas, unhas 2.200 máis que a edición anterior, xerando un volume de negocio de 187.000 euros, entre clientes da cidade, de localidades próximas, de Galicia e doutros lugares, como Barcelona, Biscaia, Granada, Madrid, Tenerife, Zaragoza ou Burgos, e ata de Estados Unidos”.

Os establecementos gañadores

O gañador desta edición, elixido por un xurado popular, e que repite por segundo ano consecutivo, foi Mesón Colón, coa tapa Xógaras e mar.  Recolleu o premio da man da Alcaldesa.

Ademais, recolleron os seus diplomas o Restaurante España, pola mellor maridaxe con Estrella Galicia, e tamén o terceiro premio do concurso -outorgado por un xurado técnico entre os 12 finalistas escollidos pola cidadanía-, Mesón O Castelo, pola maridaxe de viño con DO Ribeira Sacra, o Figón, que recibiu o segundo premio, e Os Cachivaches, o primeiro premio. Ademais, ao longo do acto sorteáronse os agasallos entre os e as clientas participantes. 

Noticias relacionadas