Ana González Abelleira puxo voz ao XIII Manifesto, que comezou reivindicando os dereitos dos enfermos desta doenza, que padece un 5% dos galegos, a maioría mulleres

O Concello de Lugo deu este xoves o seu apoio ao Día Internacional da Fibromialxia. Con este motivo instalouse unha mesa informativa e de cuestación na Praza Maior, diante a Casa Consistorial, e leuse o XIII Manifesto da Fibromialxia, acto no que estiveron presentes doentes e familiares, así como membros da Corporación e representantes das asociacións ALUFI e AGAFI.
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, puxo voz a este manifesto, que comezou reivindicando os dereitos dos enfermos desta doenza, que padece un 5% dos galegos, a maioría mulleres. No documento poñíase de manifesto as aspiracións lexítimas dos doentes, que buscan unha mellor calidade de vida e un maior sentido da dignidade cos seus dereitos; así como o recoñecemento e tratamento da enfermidade dentro do Sistema Público Sanitario e Social. Neste senso, tamén se pediu respecto no seu tratamento en todos os ámbitos da sociedade, tanto dos cidadáns, como dos profesionais sanitarios e sociais, empresarios e sindicatos, científicos e investigadores, ata chegar ás institucións públicas, esixindo o cumprimento da Lei, dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ata a Constitución Española e os diversos Estatutos ou Leis Autonómicas; para que todos os enfermos sexan tratados como cidadáns de pleno dereito, sen distinión.
Ademais o manifesto deste ano recoñece os logros acadados ao tempo que reivindica máis investigación, para lograr un mellor diagnóstico, tratamentos e seguimento, a mellora da atención sanitaria, en atención primaria, que garantice a igualdade na calidade e a accesibilidade aos recursos e servizos do Sistema Público de Saúde; acceso no traballo, mediante adaptación e novas fórmulas de inserción laboral, e xustas prestacións sociais.
Para rematar, Ana Abelleira fixo un chamamento á solidariedade da cidadanía na loita común para crear unha sociedade máis xusta e máis equitativa, e en definitiva, máis humana.
Audio
- Ana Abelleira sobre o Día da Fibromialxia |Descargar mp3
Máis info
- Manifesto do Día da Fibromialxia |Descargar pdf