Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo conmemora o Día da Fibromialxia reclamando o recoñecemento desta enfermidade, máis investigación e a mellora da asistencia sanitaria

Lugo conmemora o Día da Fibromialxia reclamando o recoñecemento desta enfermidade, máis investigación e a mellora da asistencia sanitaria

Ana González Abelleira puxo voz ao XIII Manifesto, que comezou reivindicando os dereitos dos enfermos desta doenza, que padece un 5% dos galegos, a maioría mulleres

  • Tema
    • Benestar social,
    • Asociacións sociais,
    • Inclusión,
    • Sanidade
Xoves, 12 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo conmemora o Día da Fibromialxia reclamando o recoñecemento desta enfermidade, máis investigación e a mellora da asistencia sanitaria

O Concello de Lugo deu este xoves o seu apoio ao Día Internacional da Fibromialxia. Con este motivo instalouse unha mesa informativa e de cuestación na Praza Maior, diante a Casa Consistorial, e leuse o XIII Manifesto da Fibromialxia, acto no que estiveron presentes doentes e familiares, así como membros da Corporación e representantes das asociacións ALUFI e AGAFI.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, puxo voz a este manifesto, que comezou reivindicando os dereitos dos enfermos desta doenza, que padece un 5% dos galegos, a maioría mulleres. No documento poñíase de manifesto as aspiracións lexítimas dos doentes, que buscan unha mellor calidade de vida e un maior sentido da dignidade cos seus dereitos; así como o recoñecemento e tratamento da enfermidade dentro do Sistema Público Sanitario e Social. Neste senso, tamén se pediu respecto no seu tratamento en todos os ámbitos da sociedade, tanto dos cidadáns, como dos profesionais sanitarios e sociais, empresarios e sindicatos, científicos e investigadores, ata chegar ás institucións públicas, esixindo o cumprimento da Lei, dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ata a Constitución Española e os diversos Estatutos ou Leis Autonómicas; para que todos os enfermos sexan tratados como cidadáns de pleno dereito, sen distinión.

Ademais o manifesto deste ano recoñece os logros acadados ao tempo que reivindica máis investigación, para lograr un mellor diagnóstico, tratamentos e seguimento, a mellora da atención sanitaria, en atención primaria, que garantice a igualdade na calidade e a accesibilidade aos recursos e servizos do Sistema Público de Saúde;  acceso no traballo, mediante adaptación e novas fórmulas de inserción laboral, e xustas prestacións sociais.

Para rematar, Ana Abelleira fixo un chamamento á solidariedade da cidadanía na loita común para crear unha sociedade máis xusta e máis equitativa, e en definitiva, máis humana. 

Audio

  • Ana Abelleira sobre o Día da Fibromialxia |Descargar mp3 [1]

Máis info

  • Manifesto do Día da Fibromialxia |Descargar pdf [2]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-conmemora-o-dia-da-fibromialxia-reclamando-o-reconecemento-desta-enfermidade-mais

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/120516_abelleira-fibromialxia.mp3
[2] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/manifesto_da_fibromialxia.pdf