A Tenencia de Alcaldía convoca un acto "que promove a memoria histórica cunha acción cultural colectiva".
O pobo portugués conmemora este ano o 51 anos do comezo da revolución que rematou coa ditadura máis antiga de Europa.

A cidade de Lugo sumouse hoxe á celebración do 25 de abril, Día da Revolución dos Cravos, cun canto popular aberto do Grândola, Vila Morena, dirixida por Bruno Villamor e Fernando Gómez Jácome, referentes no ámbito coral da cidade. A celebración foi conducida polo xornalista Félix Jorquera, e todas as persoas que se achegaron recibiron un caravel vermellos, símbolo da revolución portuguesa que este ano celebra o seu 51 aniversario, así como copias da letra da canción, co obxectivo de favorecer a participación activa de todas as persoas asistentes.
Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou o valor simbólico e emocional do evento. "Lugo celebrou o 25 de abril como se fixo tradicionalmente: na rúa, cantando e reivindicando a liberdade", explicou. Segundo a concelleira de Cultura, a canción de Zeca Afonso "representa o espírito da revolución pacífica e, ao mesmo tempo, é unha chamada á unidade e á esperanza".
O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que este acto "reforza o compromiso do Concello de Lugo coa democracia, a memoria histórica e a cultura popular, nun momento de unión e participación cidadá que queremos compartir con toda a veciñanza".
Con este acto, a Tenencia de Alcaldía lembra o 25 de abril como unha data relevante na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante unha acción cultural colectiva.



