Lugo celebra a III Medio Maratón e consolida a proba, mantendo o percorrido que visibiliza o gran patrimonio da cidade

Lara Méndez, Miguel Fernández, Blanca de Cora e Myriam Garabito anunciaron a celebración da cita, que terá lugar o domingo 12 de maio, dende as 10:00 horas

Todas as persoas interesadas poden inscribirse a través da web http://mmcidadelugo.com, ata o día 8 de maio. Destínanse 2 euros da inscrición a UNICEF

Venres, 08 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo celebra a III Medio Maratón e consolida a proba, mantendo o percorrido que visibiliza o gran patrimonio da cidade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a adxunta a presidencia de El Progreso, Blanca de Cora, e a presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito, presentaron este venres, na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, o III Medio Maratón Cidade de Lugo. Celebrarase o domingo, 12 de maio, a partir das 10:00 horas, organizada por Concello e El Progreso, agardando reunir ás máis de 800 persoas inscritas que se citaron o pasado ano.

No acto, Lara Méndez fixo fincapé nas sinerxias, que son capaces de dar lugar a unha cita como o Medio Maratón, que ten como finalidade fomentar o deporte e impulsar Lugo. Así mesmo agradeceu a implicacicación de El Progreso, que á marxe de facer traballo no campo da información, contribúe ao desenvolvemento social de Lugo; ao tempo que convidou á cidadanía a participar na proba e a disfrutar co paso das e dos atletas polo centro da cidade.

Pola súa banda, de Cora enxalzou a tradición de atletismo que hai en Lugo, destacando os "resultados impresionantes" do Corre con Nós e da Lugo Monumental, mentres que destacou a consolidación da proba, esperando un salto de participación. Tamén deu conta dunha novidade da proba, pois haberá premios en metálico de 300, 200 e 100 euros, e lembrou que Alexandra Aguilar será a madriña da cita. Para rematar, Garabito agradeceu a proxección social da Medio Maratón Cidade de Lugo.

Inscricións

Todas as persoas interesadas poden inscribirse a través da web http://mmcidadelugo.com ata o día 8 de maio, incrementándose o prezo a medida que se achega a data da carreira, ata completar a cifra máxima de 1.500 atletas, límite posto pola organización para este tipo de probas. Existen categorías dende os 18 anos a máis de 65 anos, tanto masculina como feminina. O prezo vai dende os 15 aos 20 euros dependendo da proximidade da data e doaranse 2 euros de cada inscrición a UNICEF.

Percorrido

O percorrido do medio maratón mantense igual que o da edición anterior, dándolle visibilidade ao Patrimonio de Lugo. Consta de 3 voltas polos mesmos emprazamentos. Terá como punto de partida, ás 10:00 horas, a rúa Anxo López Pérez para continuar pola Praza da Constitución, Ronda da Muralla (no sentido do tráfico), Avenida da Coruña sentido norte, xiro á esquerda cara a rúa Mallorca, rúa Milagrosa, Xulia Minguillón para retomar á Avenida da Coruña sentido sur, Ronda da Muralla, xiro á esquerda e entrada pola Porta de Santiago, rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, fondo da Praza Maior, porta de Bispo Aguirre, rúa Vilalba, xiro á dereita por Rodríguez Mourelo, Praza de Avilés, García Portela, rúa Vila de Foz, xiro de 180º, rúa Vila de Foz, García Portela, Praza de Avilés, Rodríguez Mourelo, xiro á dereita cara á rúa Ramón Ferreiro, volta e xiro 180º, rotonda Fonte do Rei e Ramón Ferreiro. A recta de meta é na Praza Horta do Seminario.

Máis información en http://mmcidadelugo.com.

Noticias relacionadas