Lugo acolle hoxe e mañá un encontro entre mozos de España, Portugal e Italia para idear fórmulas contra o desemprego xuvenil

No acto de apertura, a Alcaldesa alertou de que “xeración que perdamos, xeración que non recuperamos”, ao tempo que lembrou as taxa de paro xuvenil, un 43% en Galicia, que duplica á media europea

Mércores, 04 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle hoxe e mañá un encontro entre mozos de España, Portugal e Italia para idear fórmulas contra o desemprego xuvenil

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e un representante do  municipio portugués de Tábua, Ricardo Cruz, déronlle a benvida este mércores aos mozos de España, Portugal e Italia que participan na primeira fase da iniciativa YOUNG LAB, un proxecto financiado no marco do programa europeo Erasmus+. Trátase dunha iniciativa conxunta entre o Concello de Lugo, o municipio de Tábua e a organización Rete Educare ai Dirittti Umani de Italia para fomentar a participación activa dos mozos na construción democrática a nivel local, promovendo a súa consciencia cidadá a través das busca de solucións conxuntas para o desemprego xuvenil.

Este proxecto está subvencionado ao 100% pola Unión Europea e é a primeira vez que o Concello executa unha iniciativa destas características. O programa sacouse adiante na Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, coa colaboración da área de Xuventude.

No acto de apertura da primeira fase, que acollerá o Salón de Plenos ao longo do día de hoxe e de mañá, a rexedora destacou a importancia desta iniciativa para o Concello, “que permite falar dunha temática importantísima, dentro dun marco europeo, como é o desemprego xuvenil”. Lara Méndez lembrou as taxas de paro tan elevadas que poñen de manifesto esta problemática, un 35% na provincia de Lugo e un 43% en Galicia, que duplica á media europea. Neste senso, a Alcaldesa alertou do que supón perder unha xeración. “Xeración que perdamos, xeración que non recuperamos”, asegurou ao tempo que insistiu en que todas as administracións deben traballar para resolver este problema, “que no Concello temos moi interiorizado, motivo polo cal, en vías de aprobar o orzamento municipal, está contemplado un plan de emprego, onde os mozos terán un protagonismo importante”.

Lara Méndez tamén incidiu no segundo eixo deste “proxecto enriquecedor e ilusionante”, tal e como o definiu a Alcaldesa, a concienciación da xente moza nas institucións. “As administracións temos a capacidade e competencia de cambiar a vida municipal e que os mozos se conciencien da necesidade de implicarse na vida administrativa é fundamental”, aseverou ao tempo que se mostraba encantada de recoller as propostas vistas dende a óptica e dende o prisma dos rapaces e rapazas.

Pola súa banda, Ricardo Cruz fixo fincapé en sumar forzas todas as administracións para paliar o desemprego xuvenil. O cambio de experiencias e de ideas para conseguilo, a través da participación activa dos mozos, foi un punto no que incidiu Cruz.

Nesta liña tamén interveu Álvaro Santos, quen subliñou a obriga das institucións de crear un espazo de participación para que as administracións “se empapen do entusiasmo dos mozos”. Tamén quixo reivindicar a implicación de todas as administración para ofrecerlle oportunidades á xente nova, “quen está chamada a ser peza clave no desenvolvemento do futuro da sociedade”.

Espazo de encontro permanente no tempo

O proxecto, dirixido a mozos e mozas entre 16 e 30 anos residentes nalgúns dos países participantes no programa, que teñan ademais un nivel alto de inglés, contará coa participación de 50 mozos e 20 responsables ou expertos no ámbito da mocidade. Serán 20 os rapaces e rapazas españolas e 10 expertos e 15 mozos e 5 responsables os procedentes de Italia e Portugal, respectivamente.

A través do YOUNG LAB, o Concello quere crear un espazo de encontro, de diálogo e de participación que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese local.

4 fases

A iniciativa, que terá en conta a igualdade de xénero, dividirase en 4 fases. A primeira delas, á que se celebra hoxe e mañá no Salón de Plenos do Concello, é un laboratorio de ideas sobre o emprego. Nesta primeira xuntanza participan 20 mozos lucenses, 2 representantes do Municipio de Tábua e un mozo portugués e 2 rapaces italianos.

A segunda delas será un debate para unha recomendación común sobre o emprego xuvenil e a terceira, a elaboración dun documento final que idee fórmulas e recomendacións para combater o desemprego xuvenil, para que empreguen as institucións e organizacións participantes. Haberá unha cuarta a modo de conclusión.

Coímbra acollerá o segundo encontro, os días 19 e 20 de maio, e Florencia, o terceiro os días 16 e 17 de xuño. Lugo volverá a acoller o cuarto encontro, o 30 e o 1 de xullo.  As temáticas a tratar son as oportunidades laborais para os mozos, a preparación para o emprego, a actitude cara a busca de emprego, as redes sociais e o emprego, a muller moza fronte ao emprego e a preparación dunha entrevista de traballo, así como a mobilidade europea.

Audio

Noticias relacionadas