Lugo acolle a especialistas de España e Portugal nas xornadas sobre enfermidades respiratorias

Lara Méndez e Eduardo Vidal inauguraron a XLIV Reunión Anual SOGAPAR e da XXXI Reunión Galaico Duriense que organiza a Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria e que terá lugar os días 27 e 28 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

A Alcaldesa de Lugo desexoulles un encontro moi frutífero e útil, "porque isto será bo para as persoas que padecen unha patoloxía e en extensión, para toda a sociedade"

O Deputado de Turismo destacou que “en España, no último ano, aumentaron nun 18% os falecementos por enfermidades do sistema respiratorio. Esta porcentaxe descendería corrixindo factores de risco e tendo unha maior concienciación e prevención”

Neumólogos, profesores, enfermeiros e cirurxiáns compartirán novos estudos, tratamentos e diagnósticos sobre enfermidades relacionadas co aparello respiratorio aos máis de 120 inscritos para estas xornadas médicas

Venres, 27 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo acolle a especialistas de España e Portugal nas xornadas sobre enfermidades respiratorias

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal, inauguraron este venres a XLIV Reunión Anual SOGAPAR e a XXXI Reunión Galaico Duriense. Trátanse das dúas xornadas que organiza a Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria, nas que neumólogos, profesores, enfermeiros e cirurxiáns de España e Portugal compartirán novos estudos, tratamentos e diagnósticos sobre as enfermidades respiratorias. Terá lugar os días 27 e 28 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e participarán máis de 120 persoas. No acto tamén participaron o Xerente da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares; o Presidente da Sociedade Galega de Pataloxía Respiratoria, Pedro Jorge Marcos; e o Presidente do Comité organizador, Luís A. Pérez.

O Goberno do Concello e da Deputación de Lugo colaboran con estas xornadas médicas cedendo o espazo para a celebración delas, con material e agasallos institucionais para os poñentes, e promocionando e difundo o evento por toda a provincia.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen felicitou e agradeceu aos profesionais tanto do hospital lugués como da Fundación da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria, Neumoloxía e Cirurxía Torácica a organización en Lugo desta reunión anual, remarcou a importancia deste tipo de citas, xa que contribúen tanto a mellorar o coñecemento e diagnóstico das enfermidade respiratorias, como á busca de tratamentos máis efectivos para a súa curación e a mellora da calidade de vida das miles de persoas que padecen esta afección. Así mesmo, enxalzou a importancia dunha formación permanente en todas e cada unha das persoas, e máis aínda dos profesionais médicos, e subliñou a relevancia do intercambio de experiencias e coñecementos que se dan nestes congresos, que permiten axudar a mellorar a calidade da sanidade pública, un dos piares do Estado de Benestar. Para rematar, desexoulles un encontro moi frutífero e útil, "porque isto será bo para as persoas que padecen unha patoloxía e en extensión, para toda a sociedade", e convidou aos asistentes a gozar dos tesouros que ten gardados Lugo, entre os que destacan os tres Patrimonios da Humanidade.

Pola súa banda, Eduardo Vidal subliñou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo, durante esta fin de semana, con expertos e especialistas de España e Portugal no eido das enfermidades relacionadas co aparello respiratorio, para abordar as novidades relacionadas con estas patoloxías. Dende o Goberno da Deputación colaboramos con estas xornadas médicas coa finalidade de visibilizar, impulsar e apoiar a investigación das doenzas relacionadas coa respiración, pois en España, no último ano, aumentaron nun 18% os falecementos por enfermidades do sistema respiratorio, sendo a causa de falecemento que máis incrementou. Esta porcentaxe descendería corrixindo factores de risco e tendo unha maior prevención, por exemplo, non fumar, facer exercicio diario ou manter unha dieta equilibrada.”

A Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria

A Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria é unha Corporación científico-médica, non lucrativa, que comprende as catro provincias galegas, constituída para agrupar aos médicos especialistas cun especial interese polo estudo das enfermidades do aparello respiratorio. As enfermidades respiratorias son todas aquelas que afectan ás vías respiratorias e provocan desde molestias na garganta ata enfermidades pulmonares graves.

Programación

Venres, 27 de outubro

16:00.- Sesión Stand by me (Conta comigo). Nesta sesión profesionais de enfermería tratarán aspectos clínicos respiratorios que se poden facer a cargo sen supervisión médica. Participarán as enfermeiras Mª del Camino Muñiz, do HULA; Paz Vaquero, do H.G.U. Gregorio Marañón; e Mª Nerea Zabala, H.U. de Cruces.

17:15 horas.- Conferencia Dr. Rodríguez Súarez, estará de poñente Raquel Duarte, da Universidade do Porto.

18:30 horas.- Sesión Regreso ao futuro. Participarán Juan Luis García-Rivero, do H. Comarcal de Laredo; Rafael Golpe, do HULA; Francisco de Borja García-Cosío, do H.U. Son Espases de Palma de Mallorca; Virginia Leiro, do Hospital álvaro Cunqueiro de Vigo; e Adolfo Baloira, do C.H. de Pontevedra.

20:00 horas.- Asemblea SOGAPAR

Sábado, 28 de outubro

 09:00 horas.- Reunións dos grupos de traballo da SOGAPAR.

10:00 horas.- Sesión Duelo en OK Corral. La pleura es mía. Participarán a neumóloga Maribel Botana, do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; e a cirurxiá torácica, María Delgado, do C.H.U. da Coruña.

11:30 horas.- Sesión O que o vento se levou. Participarán Estaban Cano, do HULA; Eva María García, Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; Alfons Torrego, do H.U. Santa Creu i Sant Pau de Barcelona; e Manuel Tumbeiro, do C.H.U. de Ourense.

12:45 horas.- Sesión Ao outro lado do espello. Participarán Jose Luis López, do H.U. Vírgen del Rocío de Sevilla; Carlos Vilariño, do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; Francisco Javier Callejas, do H.U. de Albacete; e do profesor Joao Carlos Winck, da Universidade de Porto.

14:00 horas.- Clausura das xornadas. 

Noticias relacionadas