Localmente Lucense celebra o Día do Emprendemento cunha ampla programación de actos no Cei Nodus, que inclúe un certame

Lara Méndez convidou á cidadanía a participar nesta xornada gratuíta que contará con mesas redondas, música en directo ou foodtrucks, entre outras actividades.

“Será unha ocasión magnífica para dar visibilidade e poñer en valor o tecido emprendedor e empresarial da nosa cidade”, explicou a rexedora.

O concurso Elevator Pitch Localmente Lucense premiará a innovación e o compromiso social e ambiental no desenvolvemento de ideas ou proxectos.

Luns, 25 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Localmente Lucense celebra o Día do Emprendemento cunha ampla programación de actos no Cei Nodus, que inclúe un certame

Localmente Lucense celebrará este venres, día 29, de 11:00 a 19:00 horas, no Cei Nodus, o Día Mundial do Emprendemento, unha efeméride que se conmemora internacionalmente cada mes de abril para dar visibilidade e fomentar o espírito emprendedor. Así o avanzou a rexedora, Lara Méndez, quen subliñou que “será unha xornada aberta á cidadanía, na que haberá mesas redondas, música en directo, foodtrucks e un certame de proxectos emprendedores, pero, sobre todo, será unha ocasión magnífica para dar visibilidade e poñer en valor o tecido emprendedor e empresarial da nosa cidade”.

O evento, organizado dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego que dirixe a concelleira Ana Abelleira, enmárcase no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial posto en marcha polo executivo de Lara Méndez. A programación, que se desenvolverá ao longo do día, contempla a primeira edición do concurso Elevator Pitch Localmente Lucense Desafío Emprende 2022.

“Este certame será unha oportunidade para que as emprendedoras e os emprendedores con ideas innovadoras poidan visibilizar o seu proxecto, obter un premio ou recoñecemento, contactar con potenciais socios ou investidores e facer da súa idea de negocio, unha realidade”, explicou a rexedora.

Poderán participar tanto os proxectos de empresa, presentados por unha ou varias persoas físicas promotoras (non se admitirá máis dun proxecto de negocio por persoa ou grupo); como empresas en funcionamento produtoras de bens ou servizos. As inscricións para este certame estarán abertas ata as 13:00 horas do xoves, 28 de abril, a través do correo info@localmentelucense.gal.

O xurado seleccionará 9 proxectos que son os que pasarán á fase final e que se presentarán o día 29 de marzo de 16:00 a 17:30 horas durante o evento. Valorarase a innovación e o compromiso social e medio ambiental no desenvolvemento de ideas e proxectos, entre outros aspectos.

Ademais, establécense premios para aqueles proxectos que alcancen as 3 maiores puntuacións: 1º Premio de 1.250 €; 2º Premio de 750 €; e 3º Premio de 500 €. Este importe será o valor dun ‘Pack Emprendedor’ que poderá investir en comercio local ou en servizos de establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense.

Toda a información e as bases do certame pódense consultar na web http://localmentelucense.gal/dia-emprendemento/

Programa do Día do Emprendemento

Venres, 29 de abril, de 11:00 a 19:00 horas no Cei Nodus (Avda. da Coruña 500)

  • 11:00 h. Benvida e explicación.
  • 11:10h. Lectura de Manifesto.
  • 11:30h. Mesas redondas (encontros de 30 minutos) das seguintes temáticas: "Emprender no s. XXI". "Emprendedoras Empoderadas". "Innovación e Tendencias". "O fracaso como parte do éxito". "Superpoderes do emprendedor/a".
  • 14:00h. Gastro-Paradas.
  • 16:00h. Concurso “Elevator pitch LocaLmente Lucense, Desafío Emprende 2022” Competición de presentación de proxectos. (Prazo límite de admisión de proxectos o 28/04/2022 ás 13:00 h).
  • 17:30h. Música en directo Sesión DJ Dr. Think, acompañado do saxofonista Mike Rolling.
  • 17:30h. Photocall Interactivo LocaLmente Lucense que une arte e tecnoloxía.
  • 18:30h. Entrega de premios do certame.
  • 18:50h. Despedida e clausura.

Evento aberto a toda a cidadanía, inscricións unicamente para o concurso de proxectos e as gastroparadas, a través da web www.localmentelucense.gal ou do enderezo de correo electrónico info@localmentelucense.gal

Noticias relacionadas