Lara Méndez recibe as firmas recollidas polos veciños de Albeiros para nomear unha rúa do barrio en honor ao párroco Luis Soto Camino

A alcaldesa mantivo unha reunión este mércores con membros da asociación de veciños na que lles trasladou o seu compromiso de atender esta petición unánime.

“A iniciativa tivo unha gran acollida, pois superouse amplamente o obxectivo inicial, as 2.000 sinaturas, o que demostra o amplo apoio da cidadanía”, apuntou.

Don Luis foi un dos principais impulsores da nova igrexa do barrio e a súa exemplar labor deixou unha gran impronta en varias xeracións de veciños.

Mércores, 03 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez recibe as firmas recollidas polos veciños de Albeiros para nomear unha rúa do barrio en honor ao párroco Luis Soto Camino

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu este mércores, da man do presidente da Asociación de Veciños de Albeiros, Fernando Rois, e do presidente da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez, o documento coas sinaturas recollidas para nomear unha rúa deste barrio lucense en honor a Luis Soto Camino, párroco de Albeiros durante cincuenta anos. No encontro de hoxe participaron membros de ambos colectivos, quenes explicaron que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, recolléronse un total de 3.500 firmas.

Lara Méndez subliñou que “a iniciativa tivo unha gran acollida, pois superouse amplamente o obxectivo inicial, acadar as 2.000 sinaturas, o que demostra o amplo apoio da cidadanía. Don Luis foi unha persoa moi querida en Lugo pola súa proximidade e xenerosidade, especialmente cos máis desfavorecidos, por iso, queremos dedicarlle esta homenaxe, para que a súa figura quede sempre no recordo”.

Deste xeito, a rexedora, que avanzou que levará a proposta á Comisión do Rueiro, manifestou o seu compromiso con esta petición, mediante a cal, a asociación veciñal propón cambiar o nome á rúa Xenebro, situada ao pé da igrexa de Albeiros e que conecta a Avenida da Coruña coa Rolda Norte, polo do primeiro párroco desta parroquia lucense, falecido en xuño de 2014.

Cómpre subliñar que Don Luis foi un dos principais impulsores da nova igrexa do barrio e a súa exemplar labor deixou unha gran impronta en varias xeracións de veciños. Durante o acto de hoxe eloxiouse a figura de Soto Camino e reivindicouse a importancia desta iniciativa para que esta labor perdure na memoria colectiva.

Noticias relacionadas