A presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, e o exministro portugués Silva Peneda, medallas de Ouro da institución
Foi aprobado o Plan de Acción da Axenda Urbana, que os concellos desenvolverán segundo as necesidades e tipoloxías de cada un
- Tema

A Alcaldesa, Lara Méndez, presidiu este martes a 27ª Asemblea Xeral do Eixo Atlántico que, celebrada no Barco de Valdeorras, reuniu a rexedores e concelleiros dos 34 municipios galegos e portugueses que a integran. Celebrouse nesta localidade ourensá para apoiar o eixo interior de Galicia e do Norte de Portugal, cunha grave crise demográfica e unha das máis necesitadas de infraestruturas e investimentos.
A Asemblea Xeral aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para o presente exercicio. O Eixo Atlántico inicia unha liña de traballo centrada ao redor da crise demográfica do interior da eurorrexión que afecta principalmente a Galicia e que representa un menor peso político nas decisións ao contar con menor representación en número de deputados por unha menor poboación.
Neste sentido, o Eixo Atlántico está a deseñar unha estratexia con solucións que serán remitidas tanto aos gobernos de España e Portugal, como ao da Xunta de Galicia, para que poidan canalizarse con fondos europeos no período 2021-2027.
Así mesmo, aprobouse o Plan de Acción da Axenda Urbana, que foi traballado ao longo dun ano e que a partir deste momento os concellos desenvolverán segundo as necesidades e tipoloxías de cada un. A Axenda Urbana do Eixo Atlántico foi recoñecida pola Comisión Europea como a primeira Axenda Urbana transfronteiriza de Europa.
Finalmente abordouse a situación das infraestruturas e as expectativas tanto en Portugal, onde as propostas do Eixo Atlántico xa está todas en marcha ou foron incluídas dentro do Plan Nacional de Investimentos, como España, onde o Eixo Atlántico está á expectativa dos resultados electorais aínda que o nivel de diálogo cos partidos políticos maioritarios permite ter a convicción de que as obras propostas desenvolveranse segundo o previsto.
A Asemblea Xeral do Eixo Atlántico manifestou a súa satisfacción non só polo feito de que o ministro de Fomento, José Luís Ábalos presente mañá en Madrid o Plan Director do Corredor Atlántico, senón polos consensos que esta infraestrutura está a suscitar nos últimos tempos, ao incorporarse sectores e administracións que non estaban no seu inicio, pero aos que se lle dá a benvida. O Corredor Atlantico é fundamental para Galicia e especialmente para os portos galegos e para o interior da eurorrexión.
Neste senso, o Eixo Atlántico ratificou a súa posición de que Galicia só debe ter un único corredor que una Ourense, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras, xa que ter máis dun debilitaría a masa crítica necesaria para a súa viabilidade.
Medallas de Ouro
Na xornada de hoxe tamén se entregaron as Medallas de Ouro do Eixo Atlántico. Os galardoados son: Isabel Pardo de Vera, presidenta de ADIF, e José Albino Silva Peneda, exministro portugués de Emprego e Seguridade Social.