A rexedora inaugurou este sábado as III Xornadas de Traballo de Atención Sociosanitaria ás Persoas Maiores, organizadas pola Concellería de Benestar no Vello Cárcere.
Ao longo do día, recoñecidos expertos abordaron temas clave para o envellecemento activo dun coletivo que representa case o 30% da poboación de Lugo.
Olga López anunciou a creación dun galardón xornalístico para premiar os mellores artigos nos que se de visibilidade e se poñan de manifesto as reinvidicacións dos maiores.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este sábado as III Xornadas de Traballo de Atención Sociosanitaria ás Persoas Maiores, organizadas polo executivo municipal a través da Área de Benestar, que dirixe a edil Olga López, coincidindo co Día Internacional das Persoas de Idade, que se celebra cada 1 de outubro. Ao longo do día, recoñecidos expertos abordaron temas clave para o envellecemento activo dun colectivo, os maiores de 65 anos, que representa o 22% da poboación de Lugo.
“Trátase dun segmento poboacional tremendamente importante da nosa sociedade, xa non só en número, senón, sobre todo, polo papel vertebrador que exercen na mesma. Á que seguen contribuíndo axudando ao benestar social dos seus familiares e entorno máis próximo, como coidadores, xeralmente, dos seus cónxuxes ou dos seus netos” subliñou a rexedora.
“Por iso, dende o Concello de Lugo, como Administración máis próxima a veciñanza, apostamos por un modelo de cidade 8 – 80 no que buscamos a protección da cidadanía de 8 anos pero tamén da máis maior, coa certeza de que son as políticas sociais, ás que destinamos máis dun 28% do orzamento municipal, as que melloran a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, explicou Lara Méndez.
A rexedora subliñou que “dende o Concello poñemos á súa diposición servizos e prestacións, así como dotacións públicas respectuosas co medio ambiente e conscientes dos retos que implica o cambio climático (novo centro social Lamas de Prado, melloras de eficiencia enerxética nos centros cívicos), con edificios comunitarios (Paco Martín) e espazos de lecer (parque Novo Freire) polivalentes e que favorezan a convivencia interxeracional”.
Pola súa parte, Olga López, aproveitou este encontro para anunciar a posta en marcha, dende a Concellería de Benestar, dun galardón xornalístico “que se entregará nas vindeiras edicións destas xornadas e co que queremos recoñecer o papel dos medios de comunicación, premiando as mellores pezas nas que se de visibilidade ao colectivo de maiores e ás súas reivindicacións”.
Desenvolvemento das xornadas
Trala inauguración, José Augusto Garíca, presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía, falou sobre as oportunidades e ameazas para un envellecemento exitoso.
Nas mesas de debate posteriores participaron expertas do Servizo de Xeriatría do HULA como a xefa do Servizo, María del Rocío Malfeito; a médica especialista Beatriz Ares, a médica interna Vanessa Álvarez; e a xeriatra Laura Gamonal; así como María Zuluaga, xefa de sección do Servizo de Benestar Social do Concello de Lugo, ou Dolores Moure Rodríguez, traballadora social do HULA, entre outros.
A charla maxistral correu a cargo de Vicente Pérez Cano, director da Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC), e José María Faílde Garrido, presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, foi o encargado de poñer o broche de ouro a esta edición.
Paralelamente ao desenvolvemento das charlas que integraron o programa das Xornadas, na praza Nemesio Cobreros celebraronse mesas de detección de fraxilidade cognitiva e funcional, a cargo de médicos de xeriatría do HULA. Así mesmo, ao remate da sesión celebrouse unha chocolatada popular con baile, a carón do Vello Cárcere.