Lara Méndez permitirá que o feiral abra unha xornada máis, ata o 13 de outubro, con tarifas reducidas con motivo do Día do Neno

O recinto, que ía pechar as súas portas mañá, seguirá un día máis co compromiso de minorar os prezos das entradas, que custarán un 1,5 € para os nenos e 2 € para os adultos.

Luns, 11 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez permitirá que o feiral abra unha xornada máis, ata o 13 de outubro, con tarifas reducidas con motivo do Día do Neno

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estudiou a proposta que os representantes dos barraquistas instalados no recinto feiral do San Froilán lle fixeron chegar na que solicitaban poder continuar traballando en Lugo unha xornada máis, ata o 13 de outubro, solicitude que a rexedora aceptou e que se levará a cabo “con motivo do Día do Neno e aplicando maiores descontos nas entradas”, avanzou a rexedora.

Desta maneira, o feiral, que ía pechar as súas portas mañá, día 12, proseguirá un día máis co compromiso por parte dos propietarios das barracas de reducir as tarifas dos tíckets, que custarán un 1,5 euros nas atraccións destinadas ao público infantil e 2 euros para a mocidade e os adultos. O recinto abrirá no seu horario habitual nun día laborable, de 17.00 horas a 1.00 horas.

Méndez asegurou que “a nosa vontade é a de ir retomando pouco a pouco a normalidade a medida que as cifras sanitarias da pandemia melloran, pero sempre coas máximas precaucións e respectando as normativas que marca a Xunta de Galicia”. A este respecto, sinalou que estas festas están a ser un revulsivo económico moi importante, non só para os barraquistas, senón para toda a cidade, “pero tamén social xa que os nenos e as nenas merecían uns días de diversión despois destas etapas tan duras”.  

A rexedora agradeceu o comportamento exemplar da cidadanía dentro do recinto, e lamentou que tivesen que realizar colas para entrar, “pero é un mal menor xa que as medidas buscan manter controlados os aforos porque a normalidade non é total e a saúde debe primar”. Aproveitou para lembrar que os responsables das barracas teñen que cumprir un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade do público que acode a divertirse, pero tamén “os asistentes debemos usar máscara, respectar as distancias de seguridade e usar o xel hidroalcólico, como principais medidas”.

Noticias relacionadas