Lara Méndez: “A nova senda peonil e o ampliado paso soterrado da N-VI mellora as conexións co Miño e embelece a contorna do río”

A alcaldesa, acompañada da veciñanza, estrea esta renovada infraestrutura, que duplica a súa altura, diminuíndo o efecto túnel e facéndoa moito máis accesible, agradable e segura.

Tamén se humanizou a zona e adecuouse a senda que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión á Calzada da Ponte, que se está a peonalizar.

A rexedora sostén que “a obra é un claro exemplo da transformación que impulso desde o mandato pasado para acadar un Lugo máis sostible, amable e enfocado nas persoas”.

Domingo, 19 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “A nova senda peonil e o ampliado paso soterrado da N-VI mellora as conexións co Miño e embelece a contorna do río”

Acceder á zona fluvial do río Miño, así como ás súas instalacións e servizos, é dende hoxe máis cómodo e seguro para todas e todos os lucenses. A alcaldesa, Lara Méndez, membros do seu equipo de goberno e numerosos veciños participaron este domingo no acto de apertura da nova senda peonil e paso soterrado baixo a N-VI, que se renovou e ampliou para mellorar as conexións a pé e en bicicleta co Miño.

“Esta actuación é un claro exemplo da transformación que estamos a levar a cabo dende o executivo municipal para acadar unha cidade máis sostible, amable e enfocada nas persoas”, explicou Lara Méndez. Neste senso apuntou que “coa renovación desta infraestrutura e a humanización da súa contorna, seguimos a impulsar as conexións entre a trama urbana de Lugo e a súa zona fluvial, favorecendo unha mobilidade máis sostible ao reducir o uso dos vehículos particulares e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera e a contaminación”.

Méndez destacou, así mesmo, que a obra embelece unha contorna moi utilizada pola veciñanza, e que coida os detalles para a cidadanía, como a instalación de varandas, que dan apoio ás persoas como problemas de mobilidade.

“Así, esta actuación complementarase con outros proxectos que xa puxemos en marcha como a Tanxurela –a nova pasarela peonil sobre a N-VI– ou a peonalización da Calzada da Ponte, que está moi avanzada, o que axudará, ao mesmo tempo, a poñer en valor a riqueza natural e patrimonial desta zona da cidade, tan preto do barrio do Carme, que estamos a poñer en valor con distintas actuacións”, lembrou a rexedora, quen descubriu unha placa conmemorativa do acto de apertura.

As obras contemplaron a demolición do paso inferior existente, feito de formigón, e a execución dunha nova estrutura, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, diminuíndo o efecto túnel e facéndoo moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrouse a súa anchura, que mudou de 4,5 a 8 metros, e a altura, pasando de 2 metros (nos extremos) a 5,3 metros de alto actualmente.

Adecuación da senda peonil

Por outra banda, o proxecto tamén incluíu a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión á Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características, resultaba incómodo para as e os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse pozas e zonas de barro.

Para evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios, levouse a cabo a súa pavimentación mediante unha capa de saburra de 20 centímetros, sobre a que se executou unha capa de 5 centímetros de pavimento drenante, adecuado ao tráfico peonil e ciclista e aceptando o uso ocasional de vehículos.

O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, ten dous metros de ancho e o muro da zona do terraplén da N-VI revestiuse en pedra natural para a súa integración na contorna. En canto á iluminación, instaláronse luminarias LED tanto na senda peonil como no paso inferior, para dotar de maior seguridade o paso.

Obra de gran complexidade

Lara Méndez lembrou que esta obra foi moi complexa de desenvolver xa que para poder actuar foi necesario primeiro desviar o tráfico da N-VI a través dunha nova estrutura que tivo que absorber de maneira provisional máis de 25.000 vehículos diarios.

A renovación e ampliación do paso soterrado baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a apertura do Paso Soterrado | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez: “A nova senda peonil e o ampliado paso soterrado da N-VI mellora as conexións co Miño e embelece a contorna do río”

Noticias relacionadas