Lara Méndez leva a Fitur ‘Lugo, cidade viva’, a marca “que define a nosa aposta pola sostibilidade para o turismo pospandemia”

A alcaldesa de Lugo sostén que “queremos seducir aos visitantes que buscan vivencias de calidade, seguras, diferentes e en contornas naturais e de gran riqueza patrimonial”.

Méndez presentou o vídeo promocional ‘Rutas Connexio ao pé do Camiño’, iniciativa pioneira que combina a arte sacra das igrexas do rural coa arte contemporánea.

A rexedora aproveitou para falar do impulso da cultura a través das festas de interese turístico nacional do San Froilán e o Arde Lucus, ás que sumou a cita do Caudal Fest.

Xoves, 20 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez leva a Fitur ‘Lugo, cidade viva’, a marca “que define a nosa aposta pola sostibilidade para o turismo pospandemia”

A alcaldesa, Lara Méndez, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a marca  ‘Lugo,  cidade viva’, “que define a nosa aposta por un turismo seguro” – afirmou – e ao abeiro da que se artellan as campañas municipais ‘Lugo, km 100‘ e as ‘Rutas Connexio ao pé do Camiño’.

“É fundamental potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar, baseado na sustentabilidade, máis amable e próximo ás persoas que pretende seducir e motivar a aqueles visitantes que buscan vivencias e experiencias de calidade, seguras, diferentes e en contornas naturais e de gran riqueza patrimonial”, engadiu a rexedora.

Méndez estivo acompañada pola edil de Cultura, Maite Ferreiro e o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto – que acudiu caracterizado de romano para promocionar o Arde Lucus.  

A alcaldesa comezou o seu relato enxalzando os tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana, “como sinal de identidade das e dos lucenses, da nosa forma de ser e de vivir e como representación da cultura de Lugo”. A Catedral, lembrando que “foi declarada patrimonio da humanidade desde o ano 2015” e, por suposto, o Camiño Primitivo, “onde actualmente temos proxectos de mellora e actuacións claves para o conxunto da historia, a cultura e o patrimonio lucense”, referiu.

Neste sentido, a rexedora presentou o novo vídeo promocional, ‘Rutas Connexio ao pé do Camiño’, “iniciativa derivada dos pioneiros Premios Connexio, que lanzamos o pasado ano, onde 220 artistas de todo o mundo se presentaron coa intención de expoñer en 6 templos elixidos noutras tantas parroquias, tanto no seu interior como no exterior das edificacións”, explicaba Lara Méndez.

Esta primeira edición dos Premios Connexio, posta en marcha conxuntamente polo Concello e o Bispado de Lugo antes da pandemia, tiña como obxectivo ofrecer unha oportunidade ás e aos creadores para interactuar co patrimonio do Camiño Primitivo “e, tralo éxito dos mesmos, naceron as rutas Connexio, que inclúen os itinerarios cara Lugo onde as e os visitantes poderán participar destas reflexións e coñecer as riquezas naturais do noso municipio, o único inmerso na súa totalidade na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, sinalou Méndez. “Este impulso da arte vinculada ao Camiño Primitivo continuará en novas edicións dos premios, pero tamén coa creación nos próximos meses do primeiro Coliving Artístico de carácter público de España”, anunciaba a alcaldesa. 

Dende hai anos, Lugo atópase inmersa nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible que está a ser pioneiro en Europa e, recentemente, o Concello presentaba a futura realización dunhas termas de auga quente ou “caldas” na contorna do río Miño, nas que Méndez recalcou que “reportarán múltiples beneficios á comunidade entre os que se pode destacar o impulso da contorna fluvial, xa que se dota ao Miño dun novo equipamento cun alto valor cultural e por suposto de recreo e que, sen ningunha dúbida, servirá para potenciar a estadía e o perfil de turistas que escollen Lugo como destino das súas vacacións”, apuntou.

A rexedora aproveitou tamén para falar dos máis de 10 quilómetros de cinto verde que percorren a cidade, á beira dos ríos Miño e Rato. Do Parque Rosalía de Castro, que ofrece en pleno centro de Lugo 23 hectáreas de zona verde e, como non, do impulso da cultura a través das dúas festas de interese turístico nacional como San Froilán, “o sinal de identidade da tradición e do talante do lucense”, e o Arde Lucus, “a recreación do noso pasado romano“, ás que se sumou unha nova cita obrigada, o Caudal Fest. “Un festival sostible e coidadoso co medio ambiente natural, ao carón do río Miño e unha aposta vocacional pola diversión, pola esencia da cultura da autenticidade, pola convivencia na natureza e polo respecto”, sostivo Lara Méndez.

A alcaldesa lucense rematou a súa intervención cun recordo especial para as vítimas da pandemia, lembrando tamén o esforzo realizado polos sectores directamente vinculados ao turismo, como son a hostelería e a industria cultural, de ocio e animación, aos que recoñeceu o esforzo realizado todos estes meses para manterse abertos mais quixo enviar, alén, un saúdo moi agarimoso a todo o persoal sanitario, “porque sen os seus coidados e dedicación non teriamos avanzado no control na crise sanitária e será tamén grazas á súa profesionalidade e tesón o que nos permitirá recuperar, de novo, a normalidade, e desfrutar todas e todos deste turismo tan gratificante como importante é para a dinamización económica do país”, concluíu Lara Méndez.

A rexedora de Lugo realizou esta mañá varias exposicións na Feira Internacional de Turismo de Madrid, tanto na presentación local como na organizada pola Deputación Provincial e aproveitará, igualmente, a súa estancia no evento para participar nos actos de difusión da campaña “E para comer, Lugo”, organizados pola APEHL.

Entre as persoas asistentes á FITUR este ano estiveron integrantes da Corporación municipal pertencentes aos grupos da oposición; senadores e deputados lucenses, así como diversos axentes sociais do municipio, como o presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros e o vicepresidente da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas, entre outros.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo,  Lara Méndez, sobre ‘Lugo, cidade viva’ en FITUR | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez leva a Fitur ‘Lugo, cidade viva’, a marca “que define a nosa aposta pola sostibilidade para o turismo pospandemia”

Noticias relacionadas