Lara Méndez inaugura a escultura que rende homenaxe en Lugo aos profesionais da enfermería, “esenciais no noso coidado”

A obra, do autor José Molares, sitúase na Praza de Ferrol, onde no ano 1621 levantouse un hospital, rexentado pola Orde dos Irmáns Enfermeiros Pobres de Bernandino de Obregón.

A alcaldesa de Lugo destacou o “compromiso, entrega, solidariedade, compañía e empatía dos enfermeiros e enfermeiras, valores que se multiplicou na etapa de pandemia”.

No acto estivo presente María Teresa González, de 95 anos de idade, unha das enfermeiras máis veteranas, que traballou no primeiro ambulatorio de Lugo en 1957.

A escultura foi impulsada polo Colexio de Enfermería como lembranza da conmemoración do Ano Internacional da Enfermaría e Matrona, e confinanciada polo Concello e Deputación.

Venres, 19 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez inaugura a escultura que rende homenaxe en Lugo aos profesionais da enfermería, “esenciais no noso coidado”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez inaugurou hoxe na Praza de Ferrol a escultura-homenaxe ás e os profesionais de Enfermaría e Matronas. A escultura, obra do vigués José Molares Fernández, “amosa o coidado, sensibilidade e humanidade coa que os profesionais sanitarios traballan todos e cada un dos días satisfacendo as necesidades esenciais na nosa sociedade”, sostivo a rexedora.

A zona elixida para a instalación da escultura non foi ao azar, foi proposta polo Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, impulsor da iniciativa como lembranza da conmemoración no 2020 do Ano Internacional da Enfermaría e Matrona, porque nesta zona fundouse en 1621 un hospital, nun vello caserón donado polos duques de Arjona, que chegou a estar rexentado pola Orde dos Irmáns Enfermeiros Pobres de Bernandino de Obregón.

Méndez destacou que “a pandemia da COVID-19 puxo de manifesto, máis que nunca que a disciplina enfermeira ten moito de vocación, pero tamén de sentido da vida, de compromiso, entrega, solidariedade, compañía e empatía. Coidar a quen se atopa nun estado vulnerable non sempre é fácil, pero é precisamente neses momentos cando afloran de maneira máis evidente, a forza, a esperanza e a mellor condición humana e se algo define o traballo dos sanitarios é a proximidade ás persoas, a capacidade de adaptación e o compromiso cos valores que a sociedade recoñece”.

Así mesmo, aproveitou a ocasión para lembrar que “o vindeiro 30 de novembro o sector sanitario, xunto a outros que estiveron na primeira liña de loita contra a pandemia recibirán as Medallas de Ouro da Cidade de Lugo, máxima distinción que a institución local pode entregar á cidadanía, e que segundo o propio regulamento indica, debe recaer só en persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios”.

Ao acto, moderado por Isidoro Rodríguez, presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, acudiron tamén o presidente da Deputación, José Tomé; a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello; Carlos Barceló, comandante da Garda Civil; Ramón Ares xerente da Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte; Ángeles Dono e Juan Peña, subdirectores de enfermería da mesma área sanitaria; Pilar Penela, directora da escola de enfermería de Lugo; María José Ferreira, secretaria da escola de enfermería de Lugo; Elena Matos, directora de enfermería do hospital Ribera Polusa; Jesús Vázquez, presidente da Federación de Veciños de Lugo; o escultor da obra José Molares e Adolfo de Abel Vilela, dinamizador cultural e historiador da nosa cidade.

Pola súa banda, o presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, fixo unha especial mención á presencia de “María Teresa González, unha das enfermeiras máis veteranas de Lugo que cos seus 95, esta hoxe aquí con nos”.  María Teresa González, foi a xefa das enfermeiras do primeiro ambulatorio de Lugo no ano 1957.

A presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello recoñeceu que “é unha honra para min estar na inauguración desta obra homenaxe ao traballo realizado pola enfermería. É un recoñecemento para os compañeiros e compañeiras de Lugo, pero tamén para todas as enfermeiras e enfermeiros que estiveron traballando sen descanso durante a pandemia”.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou a importancia do traballo e a profesionalidade do persoal sociosanitario que “nesta complicadísima tesitura convertéronse en verdadeiros heroes e heroínas, coidando ás persoas enfermas e acompañándoas nalgúns casos nos seus últimos momentos de vida porque os seus seres queridos non podían facelo”.

Tomé Roca sinalou que “é un orgullo colaborar con esta obra de homenaxe que simboliza o recoñecemento dos valores de profesionalidade, empatía, esforzo e sacrifico dun colectivo profesional, de mulleres e homes, que sempre ofrecen máis do que sería a súa obriga”.

“A arte nos espazos públicos embelece e humaniza unha cidade, favorece o ordenamento urbano, pero neste caso, a arte é ademais a mellor maneira de expresar unha débeda de gratitude, e servirá como recordatorio permanente dunha actitude e dun comportamento que resulta exemplar para o conxunto da sociedade”, subliñou o presidente.

Na instalación colaboraron económicamente o Concello de Lugo e a Deputacion, con 15.000 euros cada institución.

Con este novo elemento escultórico, Lugo continúa humanizando os seus espazos públicos. A escultura, pesa aproximadamente 350 kgr e estará colocada sobre unha peaña duns 2.000 Kgr, as dimensións son de 2 metros de alto por un metro de ancho.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o Presidente da Deputación, José Tomé e a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello, asinaron previamente ao acto de inauguración o convenio de colaboración a través do cal as entidades se comprometían a colaborar nos gastos derivados da ‘Escultura en Homenaxe ao Ano Internacional da Enfermería’.

Vídeo

  • Vídeo do momento da inauguración da escultura-homenaxe, a Enfermaría e Matronas | Descargar mp4

Multimedia

  • Lara Méndez inaugura a escultura que rende homenaxe en Lugo aos profesionais da enfermería, “esenciais no noso coidado”
  • Lara Méndez inaugura a escultura que rende homenaxe en Lugo aos profesionais da enfermería, “esenciais no noso coidado”

Noticias relacionadas