A alcaldesa lles deu a benvida ao Concello, destacou o valor do traballo que van a realizar e animoulles a aproveitar este emprego e esta formación para o seu futuro profesional
Tres brigadas encargaranse de arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana na zona DUSI

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, firmou esta mañá os 27 contratos do Muramiñae Rehabilita, Plan de Intervención Socio-Laboral municipal que permitirá desenvolver durante seis meses obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle da unha oportunidade laboral a 24 persoas en situación de vulnerabilidade.
A participación nesta primeira edición do Muramiñae Rehabilita abriuse a persoas e colectivos en risco de exclusión social, como minorías étnicas, inmigrantes ou mulleres maltratadas, entre outros. A rexedora lembrou que un dos obxectivos da estratexia europea DUSI é tamén a promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral.
O número de solicitantes foi moi alto, 125 persoas, “e os que pasásteis o proceso de selección tedes agora a responsabilidade de ser a faciana do concello e de realizar obras que foron solicitadas directamente pola veciñanza”, díxolles a alcaldesa, que lles animou a aproveitar este emprego e formación para o seu futuro profesional.
Estas 24 persoas exercerán de peóns nas tres brigadas que se crearán, e que estarán dirixidas por 3 capataces, tamén contratados, para realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos dez barrios que se integran na estratexia DUSI: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas.
A oportunidade de traballo irá acompañada, ademais, dunha formación previa para mellorar a capacitación das persoas contratadas, que incluirá tamén habilidades sociais e laborais. “Na fase final do contrato entrarán a escena os nosos orientadores laborais, que axudarán aos participantes nun plan posterior para que poidan continuar na súa inmersión no mercado laboral”, aclarou a alcaldesa.
O investimento deste primeiro plan Muramiñae Rehabilita ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.