Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lara Méndez firma os contratos do Muramiñae Rehabilita de mellora en barrios, que da unha oportunidade laboral a 24 persoas en situación de vulnerabilidade

Lara Méndez firma os contratos do Muramiñae Rehabilita de mellora en barrios, que da unha oportunidade laboral a 24 persoas en situación de vulnerabilidade

A alcaldesa lles deu a benvida ao Concello, destacou o valor do traballo que van a realizar e animoulles a aproveitar este emprego e esta formación para o seu futuro profesional

Tres brigadas encargaranse de arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana na zona DUSI

  • Tema
    • Emprego,
    • Políticas activas de emprego,
    • Emprendemento,
    • Igualdade
Mércores, 12 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez firma os contratos do Muramiñae Rehabilita de mellora en barrios, que da unha oportunidade laboral a 24 persoas en situación de vulnerabilidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, firmou esta mañá os 27 contratos do Muramiñae Rehabilita, Plan de Intervención Socio-Laboral municipal que permitirá desenvolver durante seis meses obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle da unha oportunidade laboral a 24 persoas en situación de vulnerabilidade.

A participación nesta primeira edición do Muramiñae Rehabilita abriuse a persoas e colectivos en risco de exclusión social, como minorías étnicas, inmigrantes ou mulleres maltratadas, entre outros.  A rexedora lembrou que un dos obxectivos da estratexia europea DUSI é tamén a  promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral.

O número de solicitantes foi moi alto, 125 persoas, “e os que pasásteis o proceso de selección tedes agora a responsabilidade de ser a faciana do concello e de realizar obras que foron solicitadas directamente pola veciñanza”, díxolles a alcaldesa, que lles animou a aproveitar este emprego e formación para o seu futuro profesional.

Estas 24 persoas exercerán de peóns nas tres brigadas que se crearán, e que estarán dirixidas por 3 capataces, tamén contratados, para realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos dez barrios que se integran na estratexia DUSI:  Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e  Saamasas.

A oportunidade de traballo irá acompañada, ademais, dunha formación previa para mellorar a   capacitación das persoas contratadas, que incluirá tamén habilidades sociais e laborais. “Na fase final do contrato entrarán a escena os nosos orientadores laborais, que axudarán aos participantes nun plan posterior para que poidan continuar na súa inmersión no mercado laboral”, aclarou a alcaldesa.

O investimento deste primeiro plan Muramiñae Rehabilita ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.


URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lara-mendez-firma-os-contratos-do-muraminae-rehabilita-de-mellora-en-barrios-que-da-unha