Lara Méndez e Miguel Couto visitan os achados arqueolóxicos atopados recentemente en Santo Domingo

A alcaldesa avalía moi positivamente o compromiso dos promotores da obra para conservar os restos e poñelos en valor

Martes, 05 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Miguel Couto visitan os achados arqueolóxicos atopados recentemente en Santo Domingo

Lara Méndez e Miguel Couto visitaban esta mañá os achados arqueolóxicos atopados, días atrás, durante as obras de construción dun hotel en Santo Domingo, para coñecer de primeira man a súa valía.

“Trátase dunha sorpresa moi grata que vén a corroborar a riqueza do noso pasado romano, hoxe máis presente ca nunca”, subliñou a alcaldesa.

A rexedora e o concelleiro de Urbanismo Sostible puideron comprobar in situ o elevado grao de conservación do anaco de decumano que apareceu a, escasamente, un metro de profundidade da superficie no transcurso dos traballos de excavación.

“Un descubrimento marabilloso, non só pola singularidade dos vestixios senón tamén polo bo estado no que se encontran, o que engadido ao compromiso dos promotores por mantelos e aproveitalos, permitirá poñelos en valor e integralos no vasto patrimonio arqueolóxico local que xa posuímos”, concluíu Lara Méndez.

Noticias relacionadas