Lara Méndez e Darío Campos subliñan a proxección e retorno económico que ten para Lugo a rodaxe de La Sombra de la Ley

A Alcaldesa e o Presidente provincial visitaron a filmación no Círculo das Artes e mantiveron un encontro co director, Dani de la Torre, actores e técnicos

A película ten un impacto directo, co desprazamento dun cento de persoas entre equipo artístico e técnico, e a contratación de preto de 200 figurantes e de empresas locais para a producción; e a medio prazo, coa proxección da cidade e a provincia a nivel nacional e internacional que levará consigo a estrea

Martes, 22 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez e Darío Campos subliñan a proxección e retorno económico que ten para Lugo a rodaxe de La Sombra de la Ley

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, visitaron este martes no Círculo das Artes a rodaxe de La Sombra de la Ley, a nova película do director monfortino Dani de la Torre, producida por Vaca Films e protagonizada por Luis Tosar, unha visita na que mantiveron un encontro co equipo artístico e técnico da filmación e na que subliñaron o retorno socioeconómico e a proxección que ten para a cidade de Lugo e a provincia acoller esta producción audiovisual. A fundadora e productora da firma coruñesa Vaca Films Enma Lustres recibiu e acompañou á rexedora e ao Presidente.

Lara Méndez destacou que ser plató natural desta película ten un impacto directo, coa propia rodaxe, pois “durante doce días desprazáronse e viviron en Lugo un cento de persoas, entre equipo artístico e técnico, co que iso leva consigo de aloxamento, hostalería ou desprazamentos, e contratáronse preto de 200 figurantes, ademais de empresas locais para todo o labor de producción: iluminación, carpintería, decoración, grúa, reforzos de perruquería ou maquillaxe”. Así mesmo, engadiu, ten un retorno a medio longo prazo, coa estrea da película, que terá lugar o próximo verán e “supoñerá un revulsivo para a proxección da cidade e a provincia no exterior, a nivel nacional e internacional”.

A rexedora puxo en valor a colaboración e o interese que puxo o Concello dende o primeiro momento para que esta producción se localizase en Lugo. “Estivemos cinco meses para que fose posible”, indicou a Alcaldesa, que agradeceu a Dani de la Torre e a Vaca Films a boa disposición.

Lugo, na carteleira das localizacións de cine

Acoller a rodaxe de La Sombra de la Ley, “que seguro será un das películas máis importantes do vindeiro ano, colócanos na carteleira como localización cinematográfica. Abrimos un camiño moi difícil de abrir e dende o Concello seguiremos poñendo todo o que estea na nosa man para atraer produccións audiovisuais, porque temos unhas características excepcionais para ser plató natural de cine e televisión; somos berce de profesionais, e, ademais, somos un Concello que defende e cre firmemente na industria cultural como motor de desenvolvemento social e económico e cremos que, dentro do turismo activo, o turismo cinematográfico e unha opción a impulsar”.

Lara Méndez desexou sorte a Dani de la Torre e Vaca Films neste novo traballo cinematográfico e anunciou que a cidade acollerá unha sesión de preestrea da película.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación subliñou que o organismo provincial, aínda non tendo competencias no eido audiovisual nin partidas orzamentarias específicas destinadas a este fin, pois é unha responsabilidade que corresponde ás Administracións galega e central, cre firmemente “nos beneficios que esta industria ten para a nosa provincia dende o punto de vista económico, social e turístico. Por iso, dentro das nosas posibilidades, facemos un esforzo económico para apoiar a algunha destas producións ao longo do ano, como é o caso de La Sombra de la Ley”.

Potenciar a Marca Lugo

Este apoio “contribúe a potenciar e prestixiar a Marca Lugo”, asegurou Campos, “e a que nos sintamos orgullosos do moito e bo que podemos ofrecer para converter a nosa provincia nun plató de rodaxe: fermosas e variadas paisaxes, riqueza patrimonial e os mellores profesionais”.

Ademais, a rodaxe desta película en Lugo “serve de experiencia impagable e única para os profesionais que saen da Fundación TIC”, afirmou o Presidente provincial, indicando que varios dos titulados da entidade están a traballar nesta producción e tres dos actuais alumnos da Escola de Imaxe e Son realizan prácticas.

Finaliza tras 12 días

A filmación en Lugo, realizada na Praza Maior, na rúa Bispo Aguirre e no Círculo das Artes, conclúe hoxe tras 12 días.

La Sombra de la Ley inspírase en feitos históricos e quere ser un reflexo da sociedade española de principios do século XX, representando a través das súas tramas e personaxes a vida e conflictos da época.

A rodaxe desenvólvese en 80 decorados naturais exteriores e interiores durante 8 semanas. Arrancou en Barcelona, pero a gran parte da acción discorre en Galicia (Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago).

Audios

Multimedia

  • Lara Méndez e Darío Campos subliñan a proxección e retorno económico que ten para Lugo a rodaxe de La Sombra de la Ley
  • Lara Méndez e Darío Campos subliñan a proxección e retorno económico que ten para Lugo a rodaxe de La Sombra de la Ley

Noticias relacionadas