A alcaldesa solicitáballe esta tarde ao conselleiro de Cultura os estudos que avalan o cambio de criterio da Xunta tanto no uso como no investimento no edificio
Lara Méndez e Rubén Arroxo, primeiro tenente de alcaldesa, acudiron ao encontro para amosar con rotundidade o rexeitamento do goberno local ao cambio de rumbo disposto unilateralmente polo executivo autonómico

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acudía esta tarde, ao encontro co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e facíao acompañada do primeiro tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, para comunicar o sentimento unánime de disconformidade e rexeitamento do executivo local á proposta da Xunta de trasladar o futuro Museo Galaico Romano fóra do Casco Histórico.
“A conversión do Cuartel de San Fernando para este fin é un proxecto comprometido pola Xunta co Concello de Lugo e que vai máis aló deste goberno, que eu asumín cando tomei posesión do meu cargo en 2015 como presidenta da Corporación, acatando a vontade popular que xa nese momento se amosaba, de forma incuestionable, a favor de darlle o devandito uso”, lembrou Lara Méndez.
Lara Méndez e Rubén Arroxo amosaron na reunión un posicionamento compartido: o Museo debe estar no casco histórico, onde está a cidade romana para que a súa misión expositiva, de investigación e divulgativa se poda desenvolver na contorna bimilenaria “que é a que lle aporta valor”.
O Goberno local solicitoulle a Román Rodríguez unha copia do estudo no que se amparou para “cambiar de criterio, así como outra do proxecto técnico gañador do concurso de ideas celebrado en 2010 e que, entendiamos, era o punto e seguido para continuar traballando na mesma dirección ao contar co visto bo de todos os organismos competentes e mesmo co beneplácito do ICOMOS”.
Dous informes que agora o Goberno local procederemos a estudar en detalle para tratar de entender o xiro repentino da Xunta neste asunto.
Do mesmo xeito, a presidenta da Corporación dixo descoñecer tamén o cambio da rebaixa do investimento previsto, que pasou de 10 a 5 millóns, pero “damos por benvida a aportación da Xunta para o edificio e por iso xa iniciamos as conversas con outras administracións para abrir posibles vías de financiamento que nos permitan seguir a folla de ruta iniciada hai unha década e materializar o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, tal e como estaba previsto”, concluíu a rexedora.
O Concello e a Xunta de Galicia quedaron emprazados para unha vindeira reunión.
Audio
- A alcadesa Lara Méndez, sobre a reunión co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez | Descargar mp3