Na iniciativa participaron expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, entre eles o arqueólogo municipal Enrique González e a anterior xefa de servizo, Covadonga Carreño
O catálogo foi editado polo Servizo Municipal de Arqueoloxía do Concello de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada de Enrique Gonzalez, do servizo Municipal de Arqueoloxía presentaron esta tarde no MILH o libro Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo baixo o formato dun catálogo, iniciativa na que participaron expertos en arqueoloxía de primeiro nivel, entre eles o arqueólogo municipal Enrique González e a anterior xefa de servizo, Covadonga Carreño.
O catálogo foi editado polo Servizo Municipal de Arqueoloxía do Concello de Lugo e Coordinado por Enrique Gonzalez Fernández, servizo Municipal de Arqueoloxía.
Lara Méndez destacou na mesma que “Desde o Concello de Lugo levamos impulsando desde hai anos iniciativas de dinamización neste senso, poñendo en marcha medidas e accións que teñen como finalidade a posta en valor dos recursos de carácter cultural e patrimonial. Iniciativas de gran importancia para o desenvolvemento local ao combinar factores económicos, culturais e sociais, sendo un elemento importantísimo para a localización de novos investimentos ao reforzar a imaxe e o prestixio e favorecendo a cohesión e integración social”.
“O patrimonio cultural non é só un legado do pasado, senón tamén un recurso incalculable para o noso futuro, temos a obriga de coidalo, divulgalo e difundilo, e non debemos esquecer nunca que o orgullo que sentimos como lucenses ten que ver coas nosas orixes e a nosa historia” declarou Méndez