Lara Méndez apoia o movemento ‘Coidemos Lugo’

A alcaldesa de Lugo agradeceu o compromiso das persoas que participan nesta iniciativa, que naceu para concienciar e animar á cidadanía a que coide e respecte o municipio

A rexedora reuniuse cos representantes Guido Álvarez e Salva Arco aos que lles avanzou que a administración local seguirá a darlles apoio na súas accións

Xoves, 24 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez apoia o movemento ‘Coidemos Lugo’

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu no Concello aos representes do movemento social Coidemos Lugo,  o guía turístico Guido Álvarez, e Salva Arco, capitán do Breogán, para amosarlles o seu apoio a esta iniciativa, coa que a administración local colabora, e que busca concienciar sobre a necesidade de que a cidadanía se implique na limpeza, o coidado e o respecto pola cidade.

Os representantes deste movemento, que crece cada día, agradeceron á alcaldesa o apoio e o soporte técnico e legal facilitado e explicaron que a iniciativa naceu despois de que se denunciase nas redes sociais a entulleira e o estado no que quedou un muro do Camiño Primitivo, ao seu paso polo barrio do Carme, o que propiciou que se activara unha campaña baixo a etiqueta #coidemoslugo, nacida nas redes sociais pero que xa é moi activa nas súas actuacións de limpeza e concienciación. Os voceiros entregaron á rexedora unha camiseta identificativa do colectivo.

Pola súa banda, a alcaldesa agradeceu a implicación de todas as persoas deste movemento, “xa que o orgullo de ser de Lugo comeza por estar orgullosos deste tipo de iniciativas, que esixen dun compromiso persoal por mellorar a cidade que compartimos, porque se fai cidade coa cidadanía, xuntos, institucións e veciñanza, xa que todos temos a obriga de implicarnos para deixar un municipio mellor ás vindeiras xeracións”. Así mesmo, Méndez avanzou que o Concello seguirá a dar apoio ás accións deste movemento en Lugo.

Lara Méndez explicoulles, ademais, algúns dos proxectos que o executivo local ten en marcha para pór en valor a zona do Carme, unha das áreas protexidas onde o movemento Coidemos Lugo xa procedeu a desenvolver labores de limpeza.

Noticias relacionadas