Lara Méndez anuncia a posta a disposición de 12 espazos no CEI Nodus para axudar a impulsar empresas innovadora

Avaliaranse criterios como o grao de innovación e compoñente tecnolóxico, o potencial de xeración de emprego e a súa contribución ao desenvolvemento da cidade.

O obxectivo é axudar aos emprendedores a activar os seus proxectos con asesoramento e cun prezo de aluguer de entre 63 e 157 euros anuais durante os 12 primeiros meses.

Poderán exonerarse un ano do prezo público ás empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base tecnolóxica, prorrogable por outro se incorpora persoal técnico.

 O Concello cede estes espazos por un período máximo de catro anos, e as empresas poden utilizar tamén os servizos complementarios do centro.

 “A maiores, neste intre ata cinco empresas poden madurar a súa idea de negocio e traballar sobre o seu proxecto no semilleiro de empresas do CEI”, apuntou a rexedora.

Sábado, 10 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a posta a disposición de 12 espazos no CEI Nodus para axudar a impulsar empresas innovadora

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pon a disposición dos emprendedores e emprendedoras lucenses 12 espazos no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) do Concello para impulsar novos negocios na cidade e apoiar o emprendemento local. “Actualmente contamos con doce espazos dispoñibles, adaptables ás necesidades de cada emprendedor e de cada actividade”, explicou a rexedora durante unha visita a estas instalacións municipais, na que estivo acompañada pola edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira.

Entre os criterios que se avaliarán para a súa adxudicación figuran a solvencia técnica e económica do proxecto, o grao de innovación e compoñente tecnolóxico, así como o potencial de xeración de emprego, repercusión da iniciativa e a súa contribución ao desenvolvemento socioeconómico da cidade.

“En concreto, atópanse dispoñibles nove despachos situados no primeiro e segundo andar, de entre 32 e 64 metros cadrados; un laboratorio, de 104 metros cadrados, situado na pranta baixa; e dous talleres, de 62 e 93 metros cadrados, situados tamén na pranta baixa” explicou Méndez. “A maiores, neste intre, ata cinco empresas poden madurar a súa idea de negocio e traballar sobre o seu proxecto no semilleiro de empresas do que tamén dispón o CEI”, engadiu.

O Concello cede estes espazos por un periodo máximo de catro anos. O prezo varía entre os 63 euros anuais, durante o primeiro ano, no caso dos despachos, ata os 157 euros no caso do laboratorio. Estas contías increméntase cada anualidade, acadando un prezo máximo, no cuarto ano, de 179 euros para os despachos e de 399 para o laboratorio.

Neste senso, a rexedora destacou que se trata de alugueres “moi por debaixo do prezo de mercado”, e salientou a iniciativa do Concello de exonerar do prezo público “ás empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base tecnolóxica (IEBT) durante 12 meses, prorrogables por outros 12 meses máis, no caso de incorporación de persoal técnico”.

Cada un dos espazos dispón de mobiliario básico (mesas e cadeiras de traballo, caixoneiras e armarios con chave), están provistos de calefacción e dispoñen así mesmo de preinstalación eléctrica, auga (locais en planta baixa e nalgún despacho), teléfono e Internet por Wifi. Ademais, o chan dos despachos ven de ser renovado recentemente e dispón de zócalo técnico para pasacables.

As e os interesados poden presentar a súa solicitude para a ocupación dun espazo cubrindo o modelo xenérico de e presentándoo a través do rexistro presencial ou telemático do Concello, así como nos rexistros previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Un centro punteiro e referente na provincia

O CEI conta cun equipamento completo en canto a infraestruturas tecnolóxicas e da comunicación. Por iso, un dos servizos a disposición dos titulares das autorizacións de uso dos módulos é a conexión gratuíta a internet a través de Wifi.

Do mesmo xeito o CEI Nodus conta con medidas de aforro e de eficiencia enerxética e cun sistema de control de acceso por tarxeta de proximidade, que permite o acceso ao centro as 24 horas do dia, 365 días o ano, ademais dun sistema de videovixiancia por circuíto pechado de televisión e control de accesos, contando así mesmo, cun sistema de detección e alarma automática de incendios e dun sistema de alarma, intrusión e roubo, complementado por un servizo de vixianza privada en horarios “non laborais”.

Existen, ademais, numerosos espazos para uso común:

  • Zona de recepción, información e servizo técnico.
  • Un espazo axardinado para desenvolver actividades de coworking no exterior.
  • Sala multiusos con zona de descanso.
  • Aula de formación con capacidade para 30 alumnos.
  • Aula TIC con equipos conectados en rede.
  • Salón de Actos cun aforo para 70 persoas dotada con medios audiovisuáis e sistema de tradución simultánea.
  • Sala de reunións con capacidade para 12-15 asistentes.
  • Sala multiusos de Coworking e formación con  20 postos de traballo.
  • Cafetería
  • Aparcadoiro para 200 turismos

Noticias relacionadas