Lara Méndez acotará, dende outubro, a 10 minutos os estacionamentos en dobre fila nas contornas escolares na procura dunha mellor conviencia cidadá

A Policía Local controlará tamén, de forma exhaustiva, o cumprimento dos horarios de carga e descarga no recinto amurallado

Mércores, 25 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acotará, dende outubro, a 10 minutos os estacionamentos en dobre fila nas contornas escolares na procura dunha mellor conviencia cidadá

10 minutos antes e despois da entrada e saída das clases. Ese será todo o marxe de permisividade que o Concello de Lugo tolerará ás e aos condutores que estacionen indebidamente para deixar ao alumnado nos centros educativos da cidade.

Co curso académico plenamente iniciado a Policía Local desenvolverá nas vindeiras semanas unha campaña informativa nas contornas escolares, advertindo que a partir de outubro, deixar os turismos un tempo prolongado fóra dos espazos habilitados ou sobre a beirarrúa levará aparellada unha sanción.

“Dende a Alcaldía somos moi conscientes das necesidades das familias, todos queremos acompañar ás nosas fillas e fillos á porta do colexio para ter a certeza de que chegaron ben pero hai quen, despois disto, aproveita que hai máis coches en dobre fila para facer outras xestións o que está a ocasionar un grave prexuízo non só para o resto da circulación senón tamén para todo o conxunto da mobilidade local”, indicou Lara Méndez.

“Trátase, en definitiva, de atopar unha solución para a convivencia, garantindo a seguridade das e dos máis pequenos e sendo comprensivos, porque hai que ter en conta non só a nosa climatoloxía senón tamén que moitos centros non dispoñen de zonas axeitadas para estacionar. Por iso cremos que limitando no tempo estas paradas e, apelando á sensibilidade de todas e todos, imos ser capaces de concilialas co resto da circulación”, engadiu a alcaldesa.

A rexedora, acompañada polo inspector xefe, Jesús Piñeiro, explicaba esta mañá que “para evitar a reiteración destes hábitos e ata que se elabore un plan integral de seguridade escolar, a Policía Local en colaboración coa Alcaldía, operará baixo un Plan de Traballo co que pretendemos atallar as infraccións de tráfico recorrentes”.

Na mesma liña a alcaldesa avanzou que, mentres non entra en funcionamento o novo sistema de control de acceso mediante cámaras ao Casco Histórico, poñeranse en marcha tamén dispositivos específicos para vixiar o cumprimento do horario establecido para as tarefas de carga e descarga no interior do recinto amurallado, especialmente, os días de mercado cando se incrementa a presenza de vehículos e peóns neste punto de capital.

“A Policía Local debe ser unha policía de proximidade, por iso ao tempo que os axentes continuarán coas funcións propias da supervisión administrativa, garantindo que se respectan as ordenanzas municipais (ocupación da vía pública, ruídos, benestar animal, etc), dende esta alcaldía queremos que tamén asuman un protagonismo, cada vez máis relevante, en materia de protección cidadá. Así, se potenciará, por exemplo, a patrullaxe a pé polas zonas peoniles e se reforzará a vixilancia á saída do recreo na contorna do Parque de Rosalía onde se concentra a mocidade”.

“O obxetivo é garantir o cumprimento das normas de seguridade vial, a prol do benestar de toda a veciñanza e exercendo unha función disuasoria se así fora preciso para gañar, todas e todos, nunha mellor convivencia cidadá”, concluíu Lara Méndez.

Audio

Noticias relacionadas