Jazz, música de Cabo Verde, rutas polo Camiño Primitivo e ao Caurel, teatro familiar e outros plans para esta fin de semana en Lugo

As actuacións de jazz serán no Círculo das Artes, no Club Clavicémbalo e no bar Ho! Gruf, e o concerto multicultural de Batuko Tabanka, no Centro de Convivencia de Fingoi, o sábado, dende as 19:00 horas

Para a excursión do sábado ao Caurel, dirixida á mocidade, é preciso inscribirse na Casa da Xuventude e para a do domingo polo Camiño Primitivo, na Oficina Municipal de Turismo

O agasayo de Anya, a cargo de Teatro Marionetas Trécola; é o espectáculo teatral do domingo, que arrincará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. O importe das entradas é de 5€ para adultos e de 2,5€ para nenos e nenas

A maiores, o venres, o Vello Cárcere acollerá un faladoiro feminista e a inauguración dunha exposición de pintura do Eixo Atlántico

Mércores, 14 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Esta fin de semana, Lugo volverá ofrecer diversidade de actividades culturais. Dentro da XXVIII edición do Festival de Jazz de Lugo, que organiza a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, co que colabora o Concello, haberá as seguintes actuacións:

Círculo das Artes (A entrada a todos os concertos é de 12 euros)

  • O xoves 15 de novembro ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do trompetista Fabrizio Bosso Special Quintet.
  • O venres 16 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará o grupo de Gilad Hekselman Zuperoctave, con Aaron Parks & Kendrick Scott.
  • O sábado 17 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, terá lugar o concerto do grupo Yellowjackets.
  • O domingo 18 de novembro, ás 20:30 horas, no escenario 1906, actuará a pianista, vocalista e compositora Sarah McKenzie.

Club Clavicembalo

  • O xoves 15 de novembro ás 23:30 horas, terá lugar o concerto de Natanael Ramos Quintet. Entrada: 5 euros.
  • O venres 16 de novembro ás 23:30 horas, actuará o Juyma Estévez Trío; e ás 23:55 horas, será o turno de Albert Cirera y els Tres Tambors. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.
  • O sábado 17 de novembro ás 23:30 terá lugar o concerto da Kike Mora Band, que interpretará temas de Marcus Miller. Ás 23:55 horas será o turno de Saxophobia Funk Project. A entrada para os dous concertos é de 10 euros.

Ho! Gruf (A entrada a todas as actividades é libre ata completar aforo)

  • O venres 16 de novembro ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr.Blas.
  • O sábado 17 de novembro ás 13:00 horas, terá lugar unha sesión vermú coa actuación de Nastasia Zürcher. Ás 22:00 horas, haberá unha jazz session a cargo de Sr. Blas.

Outra das citas musicais da fin de semana é o concerto do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña. Será o sábado, 17 de novembro, dende as 19:00 horas, no Centro de Convivencia de Fingoi. Actúan en Lugo no marco da xira por 15 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación en todo o ano 2018, co que colabora o Concello, para promover a interculturalidade e a inclusión. A entrada é de balde.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo bailar nalgunhas cancións.

En canto a outras alternativas, o Concello ofrece dúas andainas: unha ruta ao Caurel- Alto do Couto o sábado, para mozos e mozas de 16 a 30 anos. O prazo de inscrición aínda está aberto, debendo anotarse na Casa da Xuventude, dende onde partirán as persoas participantes ás 08:00 horas. E outra polo Camiño Primitivo o domingo, a partir das 10:30 horas, dentro da programación Terras de Auga e Cultura. Esta excursión, de 17 quilómetros, percorrerá os lugares de San Xoán do Alto, O Burgo, Prógalo, Santaball de Bóveda, Bacurín e San Pedro de Mera. Para participar nesta andaina é preciso inscribirse na Oficina Municipal de Turismo.

Os vindeiros días, concretamente o domingo, tamén haberá teatro familiar, O agasayo de Anya; a cargo de Teatro Marionetas Trécola; unha obra baseada no conto orixinal de Sabela Núñez Singala, respresentada con marionetas de distintas técnicas de manexo dentro dunha escenografía en continuo cambio. O espectáculo, que arrincará ás 18:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, enmárcase na programación de teatro e danza para familias do Concello e AGADIC. O importe das entradas é de 5€ para os adultos e de 2,5€ para os nenos e nenas. Venderanse na Oficina Municipal de Turismo e no auditorio, desde unha hora e media antes das actuacións.

Lugo tamén ten outros plans para a fin de semana: un faladoiro feminista e a inauguración dunha nova exposición, ambas as dúas actividades o venres no Vello Cárcere.

Ás 20:00 horas, no Salón de Actos, haberá unha conferencia sobre novos conceptos para pensar a violencia: feminicio, a cargo de Carmen Adán. A entrada é libre e gratutía ata completa aforo. Ás 20:30 horas, no patio central, inaugurarase a exposición XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico.

Audio

Noticias relacionadas