A I Liga de Oratoria Intercentros promovida polo Goberno Local terá lugar do 10 ao 12 de maio e reunirá a seis centros educativos da cidade

Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha pola Área de Xuventude co obxectivo de incentivar o pensamento crítico e o traballo en equipo entre a mocidade lucense.

“Creamos un espazo de debate, no que os mozos e mozas poidan expresas a súa visión da sociedade e asimilar os valores dos sistemas parlamentarios”, explicou Jorge Bustos.

A maiores da competición, haberá obradoiros gratuítos e abertos a toda a mocidade lucense o sábado de 16:30 a 18:00 horas na Casa da Xuventude.

Estes talleres estarán impartidos polos membros do xurado do torneo, entre os que figuran nomes destacados como Manuel Maseda, Saúl Corredoira ou Antonio Platero.

Mércores, 01 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A I Liga de Oratoria Intercentros promovida polo Goberno Local terá lugar do 10 ao 12 de maio e reunirá a seis centros educativos da cidade

A I Liga de Oratoria Intercentros promovida polo Concello, a través da Área de Xuventude, terá lugar do 10 ao 12 de maio e reunirá a seis centros educativos da cidade: IES Muralla Romana, CPR Maristas; IES Ollos Grandes; FEC San José, IES Lucus Augusti e CPR Franciscanos. Así o avanzou este martes o edil Jorge Bustos, quen explicou que “a través desta iniciativa buscamos promover as habilidades de oratoria, incentivar o pensamento crítico e o traballo en equipo entre a mocidade lucense”.

“En total participarán 44 alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obligatoria (ESO), con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos, que estarán dirixidos por seis profesores”, avanzou o concelleiro, ao tempo que lembrou que “a Liga de Oratoria é unha das grandes novidades da programación que poñemos en marcha dende a área de Xuventude para este segundo trimestre do ano e coa que queremos proporcionar un espazo de debate, no que os mozos e mozas poidan expresas a súa visión da sociedade e asimilar os valores dos sistemas parlamentarios, fundamentados no respecto e a capacidade de diálogo co obxectivo de avanzar como sociedade”.

Así mesmo, o edil destacou a calidade do xurado que formará parte da competición. Entre seus membros atópanse: Manuel Maseda, profesor de Dereito da UE na Universidade de Valladolid; Saúl Corredoira recoñecido como mellor orador das edicións do Parlamento Xove de 2017, 2018 e 2023; Antonio Platero, un dos xuíces máis destacados do panorama de debate académico en Galicia, formando parte tanto do Parlamento Xove como do Torneo de Debate Académico de Galicia en múltiples ocasións.

O desenvolvemento dos enfrontamentos da liga estará baseado nun modelo innovador que combina algúns trazos distintivos do debate académico e do debate British Parliament (as dúas modalidades máis estendidas en Europa). Ao longo da competición, celebraranse enfrontamentos dialécticos entre os equipos que se organizarán nunha primeira fase de grupos e unha segunda fase eliminatoria. En cada categoría, escollerase ao equipo campión, ao subcampión e ao mellor orador ou oradora.

Os enfrontamentos da Liga contarán cun formato particular. Todos os enfrontamentos serán valorados polo equipo de xuíces nun máximo de 70 puntos. En todos os enfrontamentos, 50 puntos serán outorgados no debate inicial e 20 nas dúas probas posteriores.

A fase previa e os cuartos de final celebraranse na Casa da Xuventude de Lugo, o venres en horario de 15:15 a 21:00 horas, e o sábado de 09:00 a 20:15 horas. Mentres que as semifinais e a final celebraranse na Casa Consistorial, de 09:45 a 14:30 horas.

Obradoiros gratuítos e abertos á mocidade

Jorge Bustos explicou que a celebración da Liga de Oratoria incluirá obradoiros gratuítos e abertos á mocidade lucense o sábado de 16:30 a 18:00 na Casa da Xuventude, sen necesidade de inscrición previa. Estarán impartidos polos xuíces da Liga e abordaranse temas como a linguaxe non verbal, como estrtutura un discurso, como xerar interese á hora de falar en público, como comunicar ideas complexas de forma simple, etc.

Neste senso, o edil convidou a todos os mozos e mozas da cidade a achegarse e aproveitar a oportunidade de mellorar as habilidades comunicativas da man de reputados expertos e profesionais deste ámbito.

Audio

Jorge Bustos - Liga de Oratoria Intercentros | Descargar mp3

 

Noticias relacionadas