Homenaxe colectiva de Lugo a Isidro Novo o 3 de novembro no Vello Cárcere

A programación de actos conmemorativos, organizados polo Concello e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, contempla un simposio, a descuberta dunha placa, un recital poético musical e unha exposición

O Pleno da vindeira semana votará, a instancias do Goberno, designar á Biblioteca Municipal co nome de Isidro Novo

Xoves, 18 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Homenaxe colectiva de Lugo a Isidro Novo o 3 de novembro no Vello Cárcere

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, presentaron este xoves, no patio central do Vello Cárcere, o programa de actos en homenaxe a Isidro Novo, que organiza o Concello xunto ao colectivo o vindeiro 3 de novembro. Fixérono xunto ao narrador oral Lois Pérez e o escritor Antonio Reigosa, que forman parte do comité organizador das actividades conmemorativas, que contemplan un simposio, a descuberta dunha placa, un recital poético musical e unha exposición.

A edil amosou o orgullo de celebrar esta homenaxe ao tempo que anunciou que no vindeiro Pleno Ordinario, que se celebrará o próximo xoves, se votará, a instancias do Goberno de Lugo, designar a Biblioteca Municipal co nome de Biblioteca Municipal Isidro Novo, un asunto que xa se tratou esta mañá na Comisión de Benestar e Cultura. 

A xornada de homenaxe arrincará cun simposio, no auditorio do Vello Cárcre, dende as 10:30 horas. Nel intervirán Jose Luis Calvo, co relatorio Isidro Novo: retrato robot; X.Ramón Freixeiro, con Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías, Yago Rodríguez, que fará Unha achega intimista á narrativa de Isidro Novo e Marica Campo, que falará sobre A poesía de Isidro Novo. Tamén haberá o faladoiro Alén da escrita. O outro Isidro; coa participación de Cesáreo Sánchez, Darío Xohán Cabana, Paco Martín e X. Henrique Rivadulla. Presentarán e moderarán esta actividade Lois Pérez e Antonio Reigosa. Posteriormente, descubrirarase unha placa, sobre as 13:45 horas, na que foi última morada do homenaxeado, na rúa Bispo Aguirre 10.

Xa en xornada de tarde, o patio do Vello Cárcere será testemuña dun recital, no que intervirán Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, María José Fernández, Paco Reija e Luis Valle. Do mesmo xeito que o simposio, Lois Pérez e Antonio Reigosa presentarán a actividade, que terá banda sonora, da man de Tundal, Minhotos e Pilocha.

Para rematar a homenaxe, durante toda a xornada no patio central e celas do Vello Cárcere, poderá contemplarse unha exposición con libros, fotografías, ilustracións e outros obxectos vinculados ao labor creativo e vivencial de Isidro Novo. A artisa Viki Rivadulla será a comisaria. Con todas estas actividades, posteriormente o Concello editará un libro. 

Audio

Documento

Noticias relacionadas