Grandes cociñeiros galaico - portugueses recalan esta fin de semana en Lugo para promocionar os produtos da Eurorrexión

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou esta mañá a Feira Gastronómica “Sabores do Eixo”, que se desenvolverá até o domingo no semisoto da Praza de Abastos.

A mostra, un dos eventos cos que a cidade se estrea como Capital da Cultura do Eixo Atlántico, mestura expositores de venda, degustacións e actividades de animación para todos os públicos.

Sábado, 25 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Grandes cociñeiros galaico - portugueses recalan esta fin de semana en Lugo para promocionar os produtos da Eurorrexión

Confituras de pato e licores do Barco de Valdeorras, galletas e tartas lucenses ou embutidos artesáns e queixos autóctonos. Son algunhas das mercadorías que esta fin de semana poderán adquirirse na Feira Gastronómica “Sabores do Eixo” na que tamén se dan cita grandes mestres dos fogóns como o chef na Escola de Hotelaría e Turismo de Porto e da Quinta do Casarao, Felipe Costa, ou Alejandro Méndez (Arrocería os Cachivaches) e Nardo Eiroa (Canedo Restaurante) xunto ao alumnado da Escola de Hostalaría Sanxillao.

Até o domingo, Lugo convértese no escaparate da excelencia gastronómica e artesanal de Galicia e o Norte de Portugal coa celebración dun evento, no que colaboran tanto a Deputación Provincial como a empresa Hijos de Rivera, que pretende visibilizar a calidade da materia prima dámbolos dous países e o bo facer dos seus cociñeiros.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada por edís e concelleiras do equipo de Goberno e do deputado Pablo Rivera, inauguraba esta mañá a mostra, que se celebra no semisoto da Praza de Abastos.

A alcaldesa aproveitou a súa visita aos estands para destacar a importancia que esta cita terá como motor de dinamización económica para a cidade e quixo subliñar tamén “a alta calidade dos produtos autóctonos e o valor engadido dos procesos artesanais que segue a súa elaboración, o que incrementa as súas cualidades primeiro a nivel degustativo e en canto ás propiedades nutricionais e, segundo, como modelo de produción sostible e acorde á conservación e utilización dos recursos propios de cada unha das localidades presentes”.

“Hoxe concentramos aquí o mellor da alimentación, da gastronomía do Norte de Portugal e tamén de Galicia. Nos acompañan cociñeiros, emprendores e emprendedoras que atoparon nas súas orixes non só un medio de vida e unha saída profesional, senón tamén unha maneira de converterse en embaixadores da súa propia terra. Estamos moi orgullosos de acollervos a todas e todos aquí, na cidade de Lugo, con fama internacional precisamente polo seu bo xantar e agardamos que gocedes da vosa estancia porque estamos seguros de que a vosa presenza nos deixará estes días un gran sabor de boca”, afirmou a rexedora.

A alcaldesa de Lugo convidou, así mesmo, a toda a cidadanía a visitar a Feira que permanecerá aberta este sábado e domingo en horario de 11:00 a 21:00 horas cunha morea de actividades de animación para todos os públicos entre as que se inclúen degustacións, showcookings, presentación de produtos e mesmo sesións musicais.

Multimedia

  • Grandes cociñeiros galaico - portugueses recalan esta fin de semana en Lugo para promocionar os produtos da Eurorrexión

Noticias relacionadas