O alcalde e a edil de Cohesión Social mantiveron un encontro coa presidenta do órgano colexial e estableceron vías de cooperación para varios proxectos de educación sanitaria.
No mes de maio, co gallo do Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca, o Concello organizará unha xornada de RCP básica na rúa, coa implicación dos colexios profesionais.
Miguel Fernández sinalou que presentarán unha proposición ao Pleno para instar á Xunta de Galicia á implantación de enfermería escolar nos centros de ensinanza.
- Tema

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado da edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, fixeron a primeira visita oficial ao Colexio de Enfermería de Lugo, onde mantiveron unha reunión coa súa presidenta, Eva Gómez Fernández. O obxectivo é establecer vías de colaboración para sacar adiante varios proxectos dirixidos a promover a educación sanitaria entre diferentes grupos de poboación, dando a coñecer as causas e síntomas do ictus, así como formación en RCP básica, ademais de solicitar á Xunta de Galicia a implantación da enfermería nos colexios, tal e como xa está regulado en varios países europeos.
A visita a este colexio supuxo tamén para Fernández e López Racamonde a volta a que é a súa casa, posto que ademais de enfermeiros de profesión, ocuparon durante anos postos na directiva, no caso da edil de Cohesión Social, e como presidente do órgano colexial, no caso do propio rexedor municipal. Xunto a Eva Gómez Fernández, presidenta desta entidade desde hai un ano, abordaron varios temas cos que están moi sensibilizados “así como as vías de cooperación para futuros proxectos, cos que dar visibilidade a enfermidades nas que a resposta dos cidadáns pode ser crucial, como ocorre en patoloxías como o ictus ou parada cardíaca”, sinalou o alcalde. Ademais, Miguel Fernández, chamou a atención sobre outras liñas de colaboración para traballar na educación da saúde e na prevención, non só cos maiores senón tamén cos rapaces e rapazas”.
Un dos primeiros proxectos que abordarán de xeito conxunto en maio, mes no que se celebra o Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca, será a xornada de formación de RCP básica, coa que Lugo sigue dando pasos adiante cos que consolidarse como cidade cardioprotexida. Esta actividade consistirá nunha xornada aberta á cidadanía, para impartir nocións da técnica de Reanimación Cardiopulmonar e do manexo dos desfibriladores. É aquí onde entran en xogo os colexios de Enfermería e de Médicos, aos que se lles está a pedir colaboración para, “por unha banda, difundir e dar a coñecer este tipo de primeiros auxilios e por outra normalizar o emprego dos desfibriladores como dispositivos que salvan vidas”, explica Fernández.
Neste sentido a edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, lembra que “a rede de emerxencias destes dispositivos en Lugo está formada por 67 DESA, dez deles portátiles e 57 aparatos fixos, instalados en espazos públicos e dependencias municipais, que se empregarán nesta xornada de RCP Básica na rúa que estamos a preparar”.
Educación da saúde nos colexios
Outra das iniciativas nas que o Concello de Lugo buscará o apoio deste colexio aborda a implantación da enfermería nos colexios, unha reivindicación que xa fixo nalgunha ocasión o propio colectivo profesional, seguindo o exemplo doutros países europeos que xa contan con estes profesionais sanitarios nos centros educativos. Neste sentido, o alcalde de Lugo informou á Eva Gómez que “desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE levarase ao Pleno unha proposición para instar á Xunta de Galicia á implantación da denominada enfermería escolar, coa que impulsar e favorecer a educación da saúde, a prevención e os hábitos saudables, ao tempo que prestase apoio en situacións puntuais que precisen de asistencia sanitaria, atención en casos de debut diabético, trastornos de conduta, desordes e intolerancias alimenticias, casos de bulling, etc.
Tamén os centros educativos serán os lugares nos que se desenvolverá outro dos proxectos tratados nesta reunión e para o que o alcalde de Lugo comprometeuse a prestar a colaboración municipal. Desde o Colexio de Enfermería se está a preparar unha iniciativa coa que divulgar e difundir entre os cativos e cativas a sintomatoloxía dos ictus, a través de xogos, recortables, e persoeiros baseados nos avós e avoas. Trátase dun proxecto co que queren dar visibilidade ás sinais do ictus e que os síntomas dos accidentes cerebrovasculares poidan ser tamén identificados polos máis pequenos. Profesionais deste colexio serán os encargados de impartir estas sesións informativas nos centros educativos.




