Trátase dos obradoiros Triunfar en tempos de cambio e A Aventura de Diana que se celebrarán ao longo desta semana no CIF As Mercedes, no CEI-NODUS e no Centro de Dinamización Rural de Santa Comba
- Tema

O Concello de Lugo organiza para o vindeiro venres, 18 de decembro, o derradeiro taller que, baixo o nome de A Aventura de Diana: Emprendemento e Innovando Contra Vento e Marea, pretende fomentar e capacitar a innovación e o emprendemento dos lucenses. Este obradoiro, dirixido a desempregados, terá lugar no Salón de Actos do CEI-NODUS a partir das 11:00 horas. Na primeira e na segunda sesión deste taller, que estiveron dirixidas a mozos e mozas e a mulleres empresarias, participaron ao redor de 150 persoas.
O obradoiro contará con 70 prazas e os interesados e interesadas poderán inscribirse a través do enderezo electrónico direccion@cei.lugo.es ou chamando ao 982-29-74-72. Entregarase gratis o libro e manual La aventura de Diana a todos os participantes.
Nacho Villoch, experto en innovación e emprendemento, é o encargado de impartir este taller, no que se recollen máis de 60 conceptos, referencias, ferramentas e aprendizaxes sobre innovación e emprendemento, baseados nunha novela orientada a asesorar aos emprendedores. A través dun storytelling, Villoch narra unha viaxe de exploración e descubrimento coas vicisitudes que todo emprendedor atopará no seu proxecto.
Triunfar en tempos de cambio
Baixo o nome Triunfar en tempos de cambio, retos e solucións para logralo, o Concello busca cubrir parte das necesidades formativas e informativas de todo aquel lucense que desexe emprender. Gloria Méndez, experta en xestión do cambio, será a encargada de conducir 3 talleres dirixidos a emprendedores e desempregados que se celebrarán o vindeiro mércores, 16 de decembro, no Salón de Actos do CIF As Mercedes, o xoves 17 no Salón de Actos do CEI-NODUS -ambos en horario de 11:00 a 14:00 horas-, e o venres 18 no Centro de Dinamización Rural de Santa Comba, de 16:00 a 19:00 horas.
Os interesados poden inscribirse de xeito gratuíto enviando un correo electrónico a terrasdelugo@terrasdelugo.com.
Coa organización destes talleres o Concello de Lugo continúa a dar resposta ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos. Deste xeito, a entidade local continúa a executar os 59 proxectos demandados polos veciños e veciñas do municipio, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros.
Máis info
- Cartel Triunfar en tempos de cambio|Descargar pdf