Mauricio Repetto destacou a boa acollida desta convocatoria “que combina formación en nichos de emprego para a mocidade, con iniciativas de ocio e de vida saudable”
A participación en cada actividade seguirá unha rigorosa orde de inscrición, que poderá realizarse na web www.xuventudelugo.gal

En tan só unha semana, a Concellería de Xuventude recibiu un total de 915 solicitudes para as actividades incluídas na programación posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez para o primeiro semestre do ano, dirixida á mocidade activa de Lugo de entre 14 e 35 anos. Así o avanzou este mércores o edil responsable da área, Mauricio Repetto, que valorou o éxito e boa acollida que está a ter esta convocatoria “que combina formación naqueles nichos de emprego que poden resultar interesantes para á mocidade, con iniciativas de ocio e de vida saudable”.
O concelleiro explicou que “entre as actividades que están a ter maior demanda destacan as rutas de montaña, que terán lugar en diferentes paraxes naturais da provincia de Lugo; o curso de iniciación á escalada, que se levará a cabo no rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos, os días 26 de marzo e 13 de abril, en horario de mañá; ou a actividade de ioga, que se celebrará todos os mércores na Casa da Xuventude ata o 9 de xuño, de 20:15 a 21:15 horas”.
Así mesmo, Repetto destacou, igualmente, o interese xerado polos cursos de formación que se impartirán con cargo a esta programación. “Así, xa recibimos 45 solicitudes para o curso de monitor de tempo libre, que se impartirá na Casa da Xuventude as fins de semana do 25 de febreiro ao 8 de maio; 25 para o obradoiro de iniciación e perfeccionamento de apicultura; ou 27 para o curso de socorrismo, que se impartirá na Cruz Vermella e que permitirá obter o Certificado de Profesionalidade”, subliñou.
“As charlas de nutrición e os show cooking dos días 23 de febreiro –no Bulló Xantar– e do 3 de marzo –nos Cachivaches–, a cargo dos cociñeiros Alejandro Méndez e Diego López, tamén están a ser un gran reclamo, con máis de 70 solicitudes”, engadiu.
Ademais, entre as propostas que se porán en marcha este mes de febreiro e ata o mes de xuño tamén se atopan un novidoso curso orientado ao pilotaxe, mantemento e posta a punto de coches de radio control, que será impartido no circuíto de radio control do Parque de Frigsa; obradoiros de baile e musicais como o curso de batería e o de Theremin, o único instrumento musical controlado completamente sen contacto físico directo; un Scape Room con motivo da Semana Santa, que terá lugar os días 10,11,12 e 13 de abril; ou un taller de moda circular.
Para poder participar nestas actividades, os e as mozas deberán inscribirse a través da web www.xuventudelugo.gal. A asignación das prazas seguirá unha rigorosa orde de inscrición. Antes da celebración das actividades contactarase coas persoas interesadas para confirmar a súa asistencia.
Así mesmo, para a selección dos participantes no curso de socorrismo deberase acreditar, previamente, ter superado a ESO ou formación superior ou, no seu defecto, ter as competencias clave de nivel II de Matemáticas, Lingua Castelá e Lingua Galega; así mesmo, realizarase unha proba de natación para demostrar unha condición física óptima para a realización do curso.
Máis info
- Cartel das actividades "Xuventude Lugo" | Descargar pdf