A Estratexia Lugo Transforma que impulsa Lara Méndez atrae a atención do BNI, a maior organización empresarial do mundo

A rexedora participou hoxe no Showroom organizado ao abeiro do Evento presencial que, estes días, reúne na capital, a importantes compañías do noroeste peninsular.

A alcaldesa aproveitou o acto, ao que acudiron ao redor de 120 persoas, para explicarlles a proxección das iniciativas municipais.

Venres, 07 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Estratexia Lugo Transforma que impulsa Lara Méndez atrae a atención do BNI, a maior organización empresarial do mundo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe á rede empresarial Grupo BNI Cardinal o modelo de transformación económica impulsado polo Goberno local.

A rexedora foi convidada a participar no Showroom incluído no Evento presencial que estes días se celebra na cidade e no que se deron cita ao redor de 120 persoas, entre elas 70 empresarios e autónomos lucenses, alén dos integrantes deste grupo de carácter interrexional – con máis de 290.000 membros en máis de 8.500 grupos a nivel mundial - entre os que se inclúen destacadas compañías cun volume de negocio de nivel medio/alto de Álava, Asturias, Burgos, Cantabria, A Rioxa, Soria, A Coruña, Ourense e Pontevedra ademais de Lugo.

A mandataria local tivo oportunidade de trasladarlles ás e aos asistentes os avances acadados dentro do Lugo Transforma, “ao que destinamos 13 millóns de euros – un deles de investimento privado - que naceu coa vocación de pular pola diversificación industrial, atraer novos negocios e, sobre todo, xerar emprego de calidade en sectores estratéxicos de alto impacto social e medio ambiental, logo de que a pandemia urxira a emprender un cambio do modelo produtivo local, altamente dependente do sector servizos”.

“Neste momento o Comité de Investimentos analiza a viabilidade das máis de 40 propostas de negocio que se presentaron para avaliar se son coincidentes coas señas de identidade nas que se asenta a nosa marca dun Lugo sostible, á vangarda da economía verde e circular”, engadiu Lara Méndez ao tempo que aludiu, así mesmo, aos progresos experimentados no seo da Mesa para a Diversificación Industrial “coa que buscamos crear un espazo de acordo entre os colectivos económicos, políticos, sociais e institucionais da cidade para incrementar o noso atractivo empresarial”.

A este respecto, a rexedora fixo fincapé no feito de que Lugo sexa xa unha cidade punteira – como así se está a recoñecer nacional e internacionalmente - contra o cambio climático. Un liderado que exerce a través do aproveitamento de recursos propios e dentro do cal se atopa a aposta decidida do seu Executivo polo sector forestal e agroalimentario como piar da recuperación económica do municipio e da madeira como elemento construtivo.

“O que pretendemos é aproveitar as nosas potencialidades intrínsecas, apoiándonos na transformación dixital e na sostibilidade como ferramentas transversais das nosas políticas para acadar a captación de investimentos que, á súa vez, favorezan o desenvolvemento do resto de sectores”, engadiu Méndez.

A alcaldesa fixo mención ao traballo realizado dende o Centro de Empresas e Innovación Municipal, “a través do que, dende o ano 2004 levamos ofrecendo asesoramento a máis de 3.000 proxectos empresariais cunha supervivencia posterior no mercado en torno ao 80%“ e deu conta do compromiso que vén de acadar do Goberno Central o pasado mes setembro, para incluír a Lugo no Corredor Ferroviario de Mercadorías, “o que nos permitirá estar mellor conectados non só co resto de España senón tamén coas principais capitais galegas, incrementado a nosa competitividade”.

Para concluír, a rexedora lucense cualificou o intercambio que propicia este tipo de xornadas como “moi frutífero, en tanto nos permitirá seguir creando vínculos e novas sinerxías de colaboración que serán proveitosas para o ámbito público e o privado” finalizou Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o showroom de BNI | Descargar mp3

Multimedia

  • A Estratexia Lugo Transforma que impulsa Lara Méndez atrae a atención do BNI, a maior organización empresarial do mundo

Noticias relacionadas