Este sábado arrinca a conta atrás para a celebración do Arde Lucus 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convida á cidadanía a asistir ao primeiro acto dos festexos que se celebrará mañá, dentro da cerimonia do Natalicio.

Dez asociacións organizan o evento no que haberá proxeccións, unha ofrenda aos deuses e desfiles que concluirán en San Fernando para reivindicar a creación do Museo da Romanización.

A XXI edición do Arde Lucus ofrecerá un cento de actividades diarias, recupera o circo e a carreira Mvrvs Lvcis e terá como principal novidade un espectáculo de realidade aumentada na Mosqueira.

Venres, 27 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Este sábado arrinca a conta atrás para a celebración do Arde Lucus 2022

Comeza a conta atrás. Apenas dúas semanas nos separan da chegada do Arde Lucus que, neste 2022, terá a súa edición máis especial e agardada logo de dous anos de restricións sanitarias.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou hoxe á cidadanía a participar nas festas pero tamén no primeiro dos eventos, convocado para mañá, co que se oficializa a proximidade das celebracións: o Natalicio.

Un acto, organizado por dez asociacións do Arde Lucus que será o prólogo da recreación histórica da cidade e coa que o Concello quere rememorar a orde que o emperador Octavio Augusto deu para construír as cidades de Lucus Augusti, Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), irmandadas dende 1986.

“Este sábado iniciamos o desconto para o XXI Arde Lucus que regresa, desta volta, con todo o seu esplendor para conquistar a lucenses e visitantes pero tamén coa vontade de alcanzar unha proxección sin igual que nos permita acadar a súa internacionalización”, sinalou a rexedora.

“Unha cita coa que comeza a avivarse o lume dos festexos e que, entre o 9 e o 12 de xuño, nos permitirá rememorar o noso pasado. A cidade retrocederá 2.000 anos e encherase do bulicio do ir e vir de romanos e castrexos para que non esquezamos nunca as nosas orixes. E xa esta fin de semana é tempo de caldear os motores co Natalicio e de comezar a mergullarnos na nosa historia, esa que nos define como fogar bimilenario e que, en 14 días, abriremos ao mundo con xenerosidade a través dos campamentos e poboados, para revivir o legado que nos deixaron os nosos devanceiros, para compartir todo o noso patrimonio material pero tamén o inmaterial: as tradicións que conforman a nosa identidade como pobo”, afirmou Lara Méndez ao tempo que agradeceu ás 19 asociacións “a súa implicación por traballar os 365 días do ano para que o Arde Lucus garde a maior precisión histórica posible”.

O Natalicio dies natalis MMXXII terá lugar este sábado con diferentes localizacións como escenario, xa que a Cohors partirá ás 17:00 horas en desfile dende a Fonte do Rei cara o Centro Histórico, mentres que a Garda Pretoriana sairá ás 17:30 da Milagrosa para xuntarse ás 18:45 na Praza de Santa María.

Alí, serán recibidos polo concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, e o Orfeón Xoan Montes e a Coral Ecos do Miño interpretarán o Himno Calendis, propio desta cerimonia. Ademais, proxectarase unha curtametraxe, de 10 minutos de duración, na que os membros da asociación Salesiani protagonizan a Lenda de Briana – unha recreación da vida dos castrexos no bosque sacro de Lugh – e se lembrará, por primeira vez, a fundación da cidade cunha ofrenda aos deuses.

A continuación o desfile se dirixirá á Mosqueira onde a asociación Lucus Augusti protagonizará o Luvilator e se instalará un cronograma que proxectará a conta atrás ata o inicio do Arde Lucus 2022 para, posteriormente, concluír o acto fronte ao cuartel de San Fernando, onde Paulo Fabio Máximo reivindicará a creación do Museo da Romanización MVRO.

O edil de Xuventude, Mauricio Repetto, lembra que este ano o Arde Lucus recibiu un importante apoio do tecido empresarial, “xa que se trata da edición con maior orzamento pero tamén a máis patrocinada polo ámbito privado co propósito de que ese esforzo nos axude a alcanzar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional”.

No programa, que inclúe 400 actividades de animación na rúa, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas e desfiles, recupérase tamén o circo romano e a carreira Mvrvs Lvcis e incorpora importantes novidades como o espectáculo - pioneiro en Galicia - de realidade aumentada en 5D que albergará A Mosqueira, a través do que se tematizará en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I, reproducindo a Muralla na súa altura orixinal, con romanos paseando no adarve e permitindo aos espectadores integrarse na época a través das novas tecnoloxías.

“A chama do Arde Lucus segue viva, gocemos dela, con responsabilidade, coidándonos entre todas e todos, sen renunciar a que a nosa historia, as nosas raíces, sexan tamén un motor de desenvolvemento económico para a cidade”, concluíu o edil de Xuventude.

Noticias relacionadas