Establecer rutas que unan Fingoi con Fontiñas, co HULA e co Club Fluvial, peticións dos veciños que asistiron á sexta xuntanza do Móvete por Lugo

A Alcaldesa recolleu este venres as suxestións dos veciños de Fingoi para o deseño das novas liñas de buses. Xunto ás reunións, a cidadanía pode participar a través de moveteporlugo@concellodelugo.org, www.lugo.gal ou no 010

Venres, 06 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Establecer rutas que unan Fingoi con Fontiñas, co HULA e co Club Fluvial, peticións dos veciños que asistiron á sexta xuntanza do Móvete por Lugo

Os veciños e veciñas de Fingoi plantexaron este venres á Alcaldesa de Lugo, nun encontro celebrado no centro de convivencia deste barrio, as súas propostas, opinións e suxestións para o deseño do novo mapa de liñas de buses urbanos da cidade, dentro da campaña impulsada polo Concello, Móvete por Lugo, a través da que a veciñanza participa directamente na adaptación do transporte público de viaxeiros ás necesidades sociais.

Algunha das peticións dos veciños que acudiron a esta xuntanza foi establecer rutas que unan Fingoi con Fontiñas, co HULA ou co Club Fluvial. Tamén plantexaron a posibilidade  dunha liña a Sanfiz, así como potenciar os intercambiadores da Ronda da Muralla, reducindo o tempo de espera. Así mesmo, demandaron unha maior frecuencia de liñas e maior puntualidade.

A Alcaldesa, acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, explicoulles aos asistentes que o Concello traballa na mellora de información nas paradas, tanto en paneis como nas propias marquesiñas, así como no desenvolvemento dunha aplicación web co obxectivo de impulsar o uso do transporte público.

Esta é a sexta xuntanza enmarcada dentro da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello para reorganizar as liñas do bus aproveitando a nova concesión do transporte. Ademais desta ferramenta, todos os interesados en achegar as súas suxestións poden facelo a través do enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org, a través de www.lugo.gal ou do Servizo de Atención Cidadá 010.

Tras esta reunión, e logo de achegarse aos barrios da Abella, A Milagrosa, A Residencia, Sagrado Corazón e Fontiñas, Lara Méndez reunirase cos veciños da Piringalla e Garabolos, As Gándaras, A Ponte e o Ceao. O Concello informa destas reunións tanto na súa web www.lugo.gal como nas redes sociais.

Noticias relacionadas