Entregados os premios do certame Trapero Pardo: 24 anos de educación, cultura e imaxinación, que nesta edición teñen nome de muller

A Alcaldesa e o Concelleiro de Educación foron os encargados de repartir ás rapazas os premios do concurso

Xoves, 07 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Entregados os premios do certame Trapero Pardo: 24 anos de educación, cultura e imaxinación, que nesta edición teñen nome de muller

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, entregaron este xoves, no Salón de Plenos, os premios do XXIV Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo, convocado un ano máis polo Concello, que nesta edición teñen nome de muller, ao ser todas rapazas as premiadas.  Ao acto de entrega tamén asistiu un dos membros do xurado deste concurso, Xosé Manuel Castro, profesor de lingua e literatura; así como a secretaria do xurado, Margarita Calderón.

Esta é a 24 edición deste certame, que o Concello convoca ano tras ano coa finalidade de contribuír a fomentar a creatividade literaria entre as rapazas e os rapaces de calquera centro educativo da provincia de Lugo de ensino non universitario. "É polo tanto un certame xa consolidado, que desprende educación, cultura e imaxinación, que agranda ano tras ano o noso maior patrimonio, os rapaces e rapazas de Lugo", subliñou Lara Méndez.

Tanto a rexedora como o edil felicitaron ás artistas galardoadas, e a todos aqueles que se presentaron a este certame. Ademais fixeron extensible os parabéns á comunidade educativa e ás familias.Tamén quixeron convidar ás xeracións máis cativas a manterse no bo hábito da lectura, que impulsa o seu talento, a creatividade e o coñecemento.

Os premios foron os seguintes:

  • Categoría de 12 a 14 anos

1º Premio: María Cordo Imedio, coa obra titulada O que falaban de Galicia, do CPR Padres Franciscanos de Lugo. Diploma, lote de libros e premio valorado en 200 euros.

2º Premio: Elliane Álvarez-Yáñez Rodríguez, coa obra titulada Onde as historias nacen, do IES Ánxel Fole de Lugo. Diploma, lote de libros e premio valorado en 100 euros.

3º Premio: Ángela alicia Cámbara López, coa obra titulada As pequenas diferenzas, do CPR Nuestra Señora de la Asunción, de Sarria. Diploma, lote de libros e premio valorado en 70 euros.

  • Categoría de 15 a 18 anos

1º Premio: Sabrina Pérez López, coa obra titulada Na procura do destino, do IES Pinguela, de Monforte de Lemos. Diploma, lote de libros e premio valorado en 250 euros.

2º Premio: Sofía Santos Ulloa, coa obra titulada Mel e perlas, do IES Lucus Augusti  de Lugo. Diploma, lote de libros e premio valorado en 100 euros.

O tercer premio desta categoría quedou deserto.

Noticias relacionadas