
O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, fixo entrega este luns dos diplomas acreditativos de participación aos 110 nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade que asistiron ás actividades dos VI Cursos Primavera Segura, impartidos no Parque Infantil de Tráfico (PIT) durante os meses de abril e maio. No acto participaron ademais o director do PIT, José Reigosa, a xefa provincial de Trafico, Paula Yubero, e membros da Corporación municipal. Os rapaces e rapazas recibiron tamén como agasallo un lapis de memoria.
Con esta iniciativa, o Concello, coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, continúa fomentando a educación viaria entre os nenos e nenas, co obxectivo de que adquiran condutas seguras como peóns e viaxeiros, e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais.
Un total de 110 rapaces e rapazas participaron nesta edición dos Cursos Primavera Segura. En grupos de 15 alumnos, recibiron formación teórica e práctica durante máis dunha semana.