Os novos funcionarios se integran no cadro de persoal logo de superar a formación impartida pola AGASP, elevando ata os 125 o número de efectivos do Corpo.

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, efectivizaba esta mañá a toma de posesión de 16 novos axentes da Policía Local que se incorporan á Xefatura lucense logo de superar a formación da Axencia Galega de Seguridade Pública.
A súa chegada, que eleva o número de efectivos do Corpo a 125, suporá un revulsivo para a organización interna do servizo que, dende finais de 2020, conta tamén con catro novos inspectores cos que se forneceu a estrutura xerárquica e a escala de mandos.
Os 16 funcionarios xuraban hoxe o seu cargo, acompañados exclusivamente dun familiar debido ás restricións de aforo impostas pola pandemia, nun acto que se celebrou no Salón de Plenos do Concello e no que tamén estivo presente o Inspector Xefe, Jesús Piñeiro.
A alcaldesa aproveitou a cerimonia para dárllela benvida aos axentes, aos que desexou “sorte e acertos no seu cometido” e quixo agradecer á Policía Local “o labor que levan realizado todos estes meses, nos que, sen desatender o resto de tarefas, mantiveron unha especial vixilancia sobre o control das restriccións e o cumprimento das recomendacións sanitarias impostas pola crise sanitaria”, concluíu a rexedora.