Dende os 8 anos, aqueles que se atopen en Lugo no verán, poden inscribirse ós cursos de piragüismo organizados polo Concello e o Club Fluvial

Miguel Fernández, Manuel Castiñeira e José Antonio Fernández “Mus” presentaron os XVI cursos de piragüismo que terán lugar nas instalacións do Club Fluvial

Xoves, 15 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Dende os 8 anos, aqueles que se atopen en Lugo no verán, poden inscribirse ós cursos de piragüismo organizados polo Concello e o Club Fluvial

Outro ano máis, e xa van dezaseis, o Concello e o Club Fluvial, organizan un curso de piragüismo para todos aqueles que desexen acercarse ó deporte da canoa durante os meses estivais. Os cursos celebraranse por quincenas de luns a venres, arrincando o vindeiro día 16 de xuño. Terán lugar ata a primeira quincena de setembro, unha quenda pola mañá de 12:00 a 13:00 horas, e dúas quendas pola tarde de 17:00 a 18:00 horas e de 18:00 a 19:00 horas.

Así, o Concelleiro de deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o encargado de piragüismo do Club Fluvial, J. Antonio Fernández “Mus”, e o responsable de deportes de dita entidade, Manolo Castiñeira, presentaron esta nova edición do, moi demandado, curso de piragüismo na sala de servicios múltiples do edificio de Novas Tecnoloxías.

O edil agradeceu a colaboración do club privado, que sempre está disposto a favorecer a práctica do deporte, sobre todo nos máis novos. Do mesmo xeito invitou a todos e todas a achegarse a esta actividade tan gratificante todo o ano, pero especialmente no verán.

Mus, pola súa banda, indicou que a idade mínima para a inscipción neses cursos está establecida en oito anos, non habendo límite máximo, xa que hai persoas de ate 80 anos que asisten ou asistiron a estes cursos. Indicou tamén, que moitos dos antigos asistentes a estes cursos son, hoxe en día, medallistas nacionais e incluso mundiais, polo tanto é este un graneiro de promesas deste deporte, de tanto arraigo na nosa cidade.

Todos os interesados en participar, aparte de contar con 8 anos como mínimo, deberán saber nadar, polo menos, 50 metros. Poden recoller a solicitude de inscrición nas oficinas da Concellería de Deportes ou no Club Fluvial. A cota do curso será de 25 euros para adultos e nenos.

Para obter máis información, pódese chamar ao teléfono da Concellería de Deportes 982.29.74.23 ou ao teléfono do Club Fluvial 982.22.11.67.

Noticias relacionadas