O xurado elixirá a tapa gañadora, a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e os mellores maridaxes con viño da denominación Ribeira Sacra e con cervexa

Un xurado visitará entre hoxe e mañá os 12 locais hostaleiros finalistas no XI Concurso de Tapas para decidir cal é a gañadora deste concurso, a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e os mellores maridaxes con viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e coa cervexa Estrella Galicia. As creacións culinarias máis valoradas, entre as que o xurado escollerá, ofreceranse de novo ao público durante toda a fin de semana.
Os locais finalistas, elixidos polos clientes, son: A Rotonda, Arrocería Os Cachivaches, As Tapiñas, Bríos Cervecería, Bulló Xantar, Campos, La Encian, Mesón Colón, O Mercado Street Food, Paprica, Parrillada Antonio e Xoldra.
O xurado estará dirixido por Quique Rodríguez, socio fundador da revista gastronómica dixital Gastronomicum e cociñeiro do Hotel Villa Magna de Madrid dende o 2004; que estará acompañado por Paco Sastre, chef do mundo empresarial e membro da xunta directiva da Asociación de Cocineros y Reposteros de Madrid; Jose Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; e Tono Múgica, xornalista da Revista Ben Bo.
O horario estipulado para que o público poida degustar de novo as tapas máis valoradas é de 13:00 a 15:30 e de 20:00 a 22:30 horas, entre hoxe e o domingo.

