A Corporación segue a traballar na ordenanza de seguridade cidadá na busca dun consenso maioritario

A Alcaldesa avanza que todas as proposta formuladas polos grupos municipais -24 por escrito e algunha máis de forma verbal no transcurso da Mesa de Ordenanzas desta mañá- serán incorporadas ao documento básico de traballo senón vulneran ningún precepto legal

Lara Méndez lembra que a elaboración desta norma básica de convivencia, ademais de a un acordo do Pleno, “obedece a unha demanda social, que nos veñen trasladando distintos colectivos de todos os ámbitos, veciñal, cultural ou empresarial”

Xoves, 03 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este xoves, tras a celebración da segunda mesa de traballo dos grupos políticos municipais sobre a ordenanza de seguridade cidadá, que a Corporación segue a traballar no contido da norma na busca dun consenso maioritario para a súa aprobación en Pleno. Deste xeito, na Mesa de Ordenanzas celebrada esta mañá no Salón de Comisións, abordáronse, tal e como estaba previsto, as propostas da oposición, en concreto, 24 formuladas por escrito e algunha máis verbalizadas no transcurso da reunión, que se prolongou durante case dúas horas. “Foi unha mañá intensa de traballo, na que todos os grupos expuxemos a nosa opinión ao respecto, e tamén fructífera, pois seguimos dando pasos para acadar unha maioría a través da participación e da transparencia”, asegurou Méndez.

De feito, os grupos municipais quedaron emprazados a unha terceira reunión, na que se abordará o documento básico de traballo coa incorporación das propostas formuladas hoxe, pois a Alcaldesa xa avanzou que a vontade do Goberno é incluílas todas, mentres non vulneren ningún precepto legal, motivo polo cal serán sometidas á consideración da Asesoría Xurídica do Concello.

Ademais de a un acordo do Pleno, Lara Ménez lembrou que a elaboración desta norma básica de convivencia “obedece a unha demanda social, que nos veñen reivindicando distintos colectivos de todos os ámbitos, tanto veciñal, como cultural ou empresarial, como unha ferramenta para garantir a convivencia da cidadanía e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas preservando o espazo público como un lugar de encontro e civismo”.

Noticias relacionadas