Concello e Mosqueira tinguirase de violeta este venres e sábado en apoio á Campaña #Emerxencia Feminista e polo Día Mundial do Alzheimer

Mércores, 18 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Casa Consistorial e a torre da Mosqueira tinguiranse este venres de cor violeta en sinal de apoio á campaña #Emerxencia Feminista e polo día Mundial do Alzhéimer.

O Concello de Lugo secundará o venres os actos promovidos polos colectivos integrantes no movemento feminista co que as organizacións participantes queren declarar unha alerta sen tregua sobre as agresións machistas.

“Logo dun verán negro, no que os medios de comunicación están a dar conta diariamente de múltiples ataques e asasinatos, as institucións non poden permanecer alleas a esta lacra inadmisible en calquera estado democrático – explicou a alcaldesa, Lara Méndez – por iso, dende o goberno local promoveremos un pronunciamento público da Corporación Municipal en repulsa a calquera forma de violencia contra as mulleres e contra a normalización da mesma”.

Do mesmo xeito, o executivo de Lara Méndez trasladará ao Pleno a necesidade de posicionarse publicamente contra todas aquelas medidas, campañas e mensaxes que contribúan a xustificar a violencia de xénero, que propicien a súa minusvaloración ou cuestionamento, ou que non a recoñezan como un problema social severo que “cómpre combater sen descanso dende tódalas instancias”, sinalou a rexedora.

“Non podemos consentir que todo este sufrimento continúe, nin que a sociedade permaneza aletargada e impasible mentres as mulleres son tratadas coma cidadáns de segunda baixo a escusa de que estas cousas pasan e pasaron sempre. Dende esta alcadía, dende o Concello de Lugo, loitaremos de forma permanente e incondicional, apoiando esta campaña e todas cantas compartan a mesma finalidade, para evitar que se siga condenando ás mulleres a convivir e a padecer o terrorismo machista”, concluíu Lara Méndez ao tempo que convidou a toda a cidadanía a participar nos actos programados para a xornada do 20 de setembro.

Xa o sábado, o edificio do Concello e a porta da Muralla recuperarán o ton violeta coincidindo coa celebración do Día Mundial do Alzhéimer.

Noticias relacionadas