Concello e Deputación de Lugo situarán 283 iluminarias ecolóxicas no Paseo do Río Rato

Lara Méndez e Darío Campos informaron este venres sobre o proxecto de alumeado do Paseo Fluvial do Río Rato e da estrada LU-P-2925 logo de que o Executivo Local e o Provincial aprobaaran en Xunta de Goberno o proxecto e o inicio da súa contratación con case 1,4 millóns

Actuarase nun treito de 7 quilómetros, situando 252 farolas de color neutro para reducir o impacto ambiental e cunha ou dúas luces LED de entre 179 e 12,5 vatios

Contempla un sistema informático que permite, a través dunha pantalla, controlar e regular a distancia a luz para garantila ou adaptala á climatoloxía, aforrando custos

Mellorase a seguridade no vial con 103 iluminarias e 1.466 metros de biondas logo de aplicar recentemente no firme unha capa de material adherente e antiesvarante (slurry)

Venres, 11 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación de Lugo situarán 283 iluminarias ecolóxicas no Paseo do Río Rato

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, informaron este venres sobre o proxecto de alumeado no Paseo Fluvial do Río Rato e da estrada LU-P-2925. Fixérono logo de que o Executivo Local e o Provincial aprobaran en Xunta de Goberno, do mércores e do venres, respectivamente, o proxecto e o inicio do proceso de contratación destes traballos por valor duns 1,4 millóns de euros(1.364.913 euros), financiados polo organismo provincial.

Campos Conde explicou que, aínda que o proxecto estaba listo e dita partida orzamentaria reservada nas arcas provinciais, pódese poñer en marcha agora esta adxudicación logo de esperar por 8 autorización imprescindibles segundo a lei por parte de distintas administracións. Estas foron as seguintes: avaliación de impacto ambiental, incidencia ambiental, permiso de conservación da natureza e autorización de urbanismo por parte da Consellería de Ordenación do Territorio e do Medio Ambiente; permiso da unidade de estradas do Ministerio de Fomento; autorización de Adif, licenza de obras do Concello e, finalmente, autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Precisamente, foi esta última, a que máis se demorou, pois chegou nas pasadas semanas. Nesta comunicación, a Confederación tamén plantexou unha recomendación, que non unha obriga, que Deputación e Concello decidiron aplicar. “Fixémolo coa máxima celeridade”, apuntou o Presidente. Esta consistiu en situar as iluminarias uns 5 metros máis afastadas da canle do Río Rato. Isto supuxo que os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación tivesen que recalcular todo o proxecto, pois, ao cambiar as farolas de ubicación, houbo que volver a graduar a intensidade de cada un dos puntos de luz, tendo en conta a súa situación para respectar o medio ambiente.

“Acadados todos os permisos, e feita esta pequena modificación no proxecto, arranca a contratación destas obras, que prevemos iniciar a principios de ano e rematar tamén no 2017”, apuntou Campos. O prazo de execución é dun máximo de 1 ano.

A Alcaldesa subliñou que “este gran proxecto, que retomamos, está pensado en todos e cada un dos 98.134 veciños e veciñas de Lugo, pensado por e para as persoas, como nos gusta traballar dende o Concello e Deputación de Lugo, coas persoas”. A Rexedora manifestou que se trata “dunha iniciativa orientada a buscar un crecemento sostible e integrador da cidade, que ademais pon en valor o cinturón verde da cidade, duns 10 quilómetros á beira do Rato e do Miño”. Remarcou, ademais, o “importante beneficio destas actuacións para os veciños, pois vailles permitir gozar máis deste espazo público, e máis aínda cando as horas de luz solar non o fan posible, garantizándolles visibilidade e seguridade”.

Características do alumeado
Méndez explicou que se actuará nun treito de 7 quilómetros, que discorre entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón. Situaranse 283 puntos de luz ecolóxicos (LED). Son103 iluminarias na estrada e 147 no paseo fluvial, dos que 3 son proxectores para o túnel que hai debaixo da rotonda que comunica con dito parque.
A intensidade dos puntos de luz oscila entre os 179 vatios e os 12,5, tendo en conta a súa ubicación e respectar o medio ambiente. (NO DOCUMENTO QUE SE ADXUNTA FIGURA UNHA FICHA TÉCNICA COA INTENSIDADE DA CADA ILUMINARIA). Tamén para reducir o impacto ambiental, hai 252 farolas de color neutro. A distancia entre as mesmas é de 25 metros no paseo e de 30 na estrada. As do paseo teñen 1 punto de luz e nalgunha da estrada dobre iluminaria.

Control
Situaranse 20.000 metros de cableado que serán de aluminio e non de cobre. Haberá un sistema informático, cuxas probas de funcionamento se farán primeiro dende a Axencia Provincial da Enerxía, pero logo terá no Concello de Lugo, para regular a intensidade lumínica, aforrar custos ao poder adaptar a luz ás condicións climatolóxicas, e garantir a luminosidade. Nunha pantalla o municipio lugués poderá controlar o corrector funcionamento de cada un dos 283 puntos de luz.

Despois do slurry, novas medidas de seguridade na estrada
Este proxecto conleva máis medidas de seguridade na estrada LU-P-2925, pois, xunto aos 103 puntos de luz que haberá no víal, tamén se situarán 1.466 metros de biondas de seguridade. Nas últimas semanas, dentro das actuacións do Plan Integral de estradas provincias, o Goberno da Deputación aplicou neste vial slurry. Trátase dun material adherente e antiesbarante, que se pon nas autovías, que impermeabiliza o firme, mellora a evacuación de augas e dota á estrada dunha maior adherencia. Está composto por alcatrán, emulsión asfáltica, auga, aditivos, cemento e áridos.

Máis actuacións no cinturón verde
Campos e Méndez adiantaron a posta en marcha de máis actuacións de posta en valor dos máis de 10 quilómetros do cinturón verde da capital. O Concello de Lugo ten en marcha o Muramiñae, que está dotado de 12,5 millóns de euros, que o Goberno local foi capaz de captar da Unión Europea. Esta programación contempla a integración do río na cidade a través do Carmen. O Presidente apuntou que a Deputación está a estudar a posibilidade de habitar o Paseo do Rato dun carril bici. Ademais, o organismo provincial traballa na posta en marcha dun Plan de Mellora deste contorno, que contempla varias actuacións, así como na ampliación e modernización do proxecto de hortos ecolóxicos.

Outros 3,5 millóns de euros
Sen ter en contra o proxecto de alumeado de case 1,4 millóns de euros, Deputación e Concello de Lugo levan executado múltiples actuacións para o impulso do cinturón verde da capital e que superan os 3,5 millóns de euros. Por exemplo, a recuperación de 32,5 quilómetros de 3 rutas de sendeirismo (no Paseo do Rato, de Lugo ao Piago e na Fervenza); a construción de dous parques infantís, a mellora da escola de piragüismo, o acondicionamento da zona dos Robles, o conxunto de melloras no Paseo do Rato, a recuperación do Hotel Miño, así como as actividades de impulso do termalismo, acuáticas no Miño, de artesanía no Centro de Cestería ou as medioambientais e lúdicas no Centro de Interpretación de Terras do Miño, nas que participan de balde máis de 1.700 persoas ao ano.

Máis info

Noticias relacionadas