Concello, Deputación e Auxilia continúan promovendo Lugo como destino turístico accesible coas IV Xornadas de Patrimonio Accesible

Ana Abelleira, Aquilino González e  Nuria Neira presentaron este mércores ditas xornadas, centradas, nesta ocasión, no activismo e a xestión cultural inclusiva. Terán lugar o día 1 de decembro no Museo Provincial en horario de 16:00 a 20:00 horas

Mércores, 22 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e Auxilia continúan promovendo Lugo como destino turístico accesible coas IV Xornadas de Patrimonio Accesible

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleria, o voceiro de accesibilidade de AUXILIA, Aquilino González, e a delegada de Auxilia Lugo, Nuria Neira, presentaron este mércores, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, as cuartas xornadas de Patrimonio Accesible, que nesta ocasión teñen como finalidade concienciar á cidadanía da importancia da accesibilidade nos museos. Celebraranse o martes, 1 de decembro, de 16:00 a 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo, co apoio do Concello e a Deputación de Lugo.

Como en anos anteriores, a entidade local colabora nesta xornada con AUXILIA, colectivo ao que a edil lle agradeceu o seu labor. "Asociacións  como Auxilia fan a vida máis fácil a toda a sociedade, axudando, neste caso, a que o patrimonio cultural poida ser máis accesible, promovendo ao mesmo tempo a Lugo como destino turístico accesible".  O Goberno de Lugo mantén unha estreita colaboración con este colectivo, que se articula, principalmente, a través do Gabinete Municipal de Accesibilidade.

Pola súa banda, Aquilino González, quen agradeceu  a colaboración do Concello e da Deputación, repasou a programación das xornadas, que estarán centradas na accesibilidade nos museos, non tanto física, senón máis ben enfocada a outro tipo de diversidades como son a auditiva, intelectual ou visual. Quixo destacar a presenza dun dos maiores coñecedores da problemática de accesibilidade patrimonial: Juan Sandoval, conservador de Museos da Rexión de Murcia e verdadeiro estudioso e implicado nesta materia, coordinador da grande maioría dos congresos que se levan a cabo por toda España. O título da sua exposición é Accesibilidade e Inclusión. Boas Prácticas nos Museos.

A segunda das ponencias correrá a cargo da Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago, e leva por título: Museoloxía para a innovación social. A experiencia da Rede Museística como rexeneradora territorial. O propio Aquilino González será o encargado de pechar as xornadas coa ponencia: O papel das entidades de iniciativa social a prol da accesibilidade ao patrimonio.

Para rematar, Nuria Neira, quen tamén fixo fincapé no apoio da entidade local e provincial,  animou á cidadanía a asistir a este xornada no Museo Provincial de Lugo, para comprobar, con estas ponencias, a necesidade continuar facendo accesible o patrimonio.

En materia de accesibilidade, o Concello, nos últimos anos creou itinerarios accesibles na Praza Maior, da Soidade e Pío XXI, así como na rúa Soto Freire; repintou 43 prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos da cidade e acometeu tarefas de mellor en rúas como a Avenida da Coruña, Montevideo, Ronda da Muralla ou Lamas de Prado. Tamén puxo en funcionamento  colectores adaptados, duplicou o ratio legal de taxis adaptados, sendo o primeiro concello de Galicia con 5 vehículos para persoas con mobilidade reducida, e recibiu un accésit por Smart City nos premios europeos de accesibilidade.

Ademais, a Deputación, no seu ánimo de seguir apoiando proxectos que teñen como obxectivo o fomento da autonomía persoas, colabora con Auxilia Lugo e Auxilia Monforte de Lemos. Así mesmo, a Rede Museística Provincial de Lugo é un exemplo pola súa implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con diversidade funcional. De feito, o Museo do Mar en San Cibrao, que forma parte da rede, é o museo máis accesible de Galicia, xa que está adaptado ás diferentes necesidades das persoas con algún tipo de discapacidade. Ademais, a Rede Museística Provincial de Lugo xa foi premiada co Premio Solidaridad da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles) polo seu traballo e implicación con este colectivo.

Multimedia

  • Concello, Deputación e Auxilia continúan promovendo Lugo como destino turístico accesible coas IV Xornadas de Patrimonio Accesible

Noticias relacionadas