Nos mesmos levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas.
Instalaranse nas inmediacións da Praza Horta do Seminario e da Praza Fernando de Casas Novoa.

O goberno de Lara Méndez, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, instalará dous puntos violetas nas festas do Arde Lvcvs co obxectivo de previr as agresións sexuais que poidan darse no espazo público durante esta festa de recreación histórica. Nestes puntos violetas, este ano en forma de caravanas moradas, levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas.
Tal e como explicou a concelleira, "trátase de garantir unha primeira atención (acollida) de calidade a calquera vítima ou testemuña de violencia sexual e de xénero, poñendo o foco nas mulleres e na mocidade". Dende estes puntos activaranse os recursos de atención necesarios (servizos sanitarios, seguridade, forzas e corpos de seguridade) neste tipo de situacións.
As caravanas moradas prestarán o servizo nas inmediacións da Praza Horta do Seminario e da Praza Fernando de Casas Novoa, no seguinte horario:
Xoves, 9 de xuño: de 20:00 a 05:00 horas, de xeito ininterrompido
Venres, 10 de xuño: de 17:00 a 05:00 horas, de xeito ininterrompido
Sábado, 11 de xuño: de 11:00 a 05:00 horas, de xeito ininterrompido
Domingo, 12 de xuño: de 11:00 a 21:00 horas, de xeito ininterrompido
O punto violeta da Praza Horta do Seminario, o sábado 11 de xuño, por motivo da actividade Qveima, deberá desprazarse, das 23.00 ás 01.00 horas, á entrada do Parque Rosalía de Castro.
Estarán atendidas cada unha por unha psicóloga e unha traballadora social, todas elas con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero.
Espazos de información segura:
Silvia Alonso tamén expresou o seu agradecemento ás 19 asociacións de recreación histórica de Lugo, que farán dos seus campamentos Espazos de información segura, de xeito que orientarán e acompañarán ás posibles vítimas en coordinación cos puntos violetas.
Asemade, a concelleira fixo un chamamento á veciñanza luguesa e aos visitantes "para que gocen da volta á tan desexada normalidade desta festa dun xeito respectuoso e sempre libre de agresións"
Audio
- Silvia Alonso, sobre os puntos violetas | Descargar mp3