A concellería de Infraestruturas notifica novamente á Xunta a relación de persoal que recibirá formación sobre o Novo Auditorio

Alexandre Penas: “Faremos chegar esta relación ao señor Balseiro directamente para non dar lugar a equívocos"

O concello enviou esta relación por primeira vez no mes de abril, tras o requirimento da Xunta de Galiza

Xoves, 19 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, indicou, ao respecto das declaracións do delegado da Xunta de Galiza, que o Concello notificou, en varias ocasións, a relación de persoal designado para recibir a formación que indica o convenio. Alexandre Penas indicou que “faremos chegar esta relación ao señor Balseiro directamente, para non dar lugar a equívocos”.

Os contactos entre Concello e Xunta para realizar esta formación comezaron o pasado 10 de abril, cando a Xunta solicita, por primeira vez, a relación de persoal, indicando que a formación se producirá nos meses de maio ou xuño. A Xunta de Galiza non respostou ata o 2 de maio, cando o Concello toma a iniciativa e contacta coa Xunta para lembrar este asunto. No mes de xullo, unha carta da conselleira, entre outros temas, volve solicitar esta relación, ao que o concello resposta que xa está a disposición da Xunta de Galiza. O día 28 de novembro, persoal técnico do concello e da Xunta ten unha xuntanza, na que se indica que a formación comezará o 10 de decembro. Por vía telemática o 28 de novembro, a Xunta solicitou unha vez máis a relación de persoal e foi enviada.

O 4 de decembro produciuse o último contacto coa Xunta para avanzar na tramitación do traspaso do auditorio. “Cando tratamos de concretar a data en que daría formación ao persoal para facerse cargo da dotación técnica do edificio da que xa se falara con anterioridade quedamos atónitos”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “las palabras las lleva el viento, foi a resposta da Xunta cando tratamos de avanzar na recepción do auditorio”.

O convenio asinado entre Xunta e Concello para a instalación do equipamento técnico do Auditorio recolle, entre os compromisos, o de que a empresa adxudicataria ofrecerá formación técnica a persoal designado polo concello. Dende o propio concello sinalouse que "xa no mes de abril, o Concello informou, a requirimento da Xunta, da relación de persoal que recibiría a formación necesaria sobre o equipamento, pero a día de hoxe seguimos agardando unha resposta concreta”. Para Alexandre Penas “tampouco está claro se a Xunta xa recibiu a instalación do equipamento ou aínda está en mans da empresa adxudicataria, e este é un problema da Xunta non do Concello”.

Audio

  • O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, sobre a relación de persoal | Descargar mp3

Noticias relacionadas